Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Conversa con Marilar Aleixandre sobre o seu libro “As bocas cosidas” en Tui

20/03/2026

Será o luns 23 ás 18 h no Espazo Sociocultural dentro da programación do 8M

A escritora Marilar Aleixandre estará o próximo luns, 23 de marzo, ás 18 h no Espazo Sociocultural para manter unha conversa sobre o seu libro “As bocas cosidas”.  O acto forma parte da programación organizada polo Concello de Tui co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, baixo o lema “Dereitos, Xustiza e Acción, por e para todas”.

Marilar Aleixandre é poeta, tradutora, narradora, feminista e membro da Real Academia Galega dende 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega. Publicou diversos libros, como Mudanzas e outros velenos (2017); Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (2017); A compañía Clandestina de Contrapublicidade (1998, Premio Álvaro Cunqueiro);  As malas mulleres (2021, Premio Eduardo Blanco Amor 2020 e Premio Nacional de Narrativa 2022); ou Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto con María López Sández. 

O luns presentará en Tui a súa obra “As bocas cosidas”, onde reconstrúe a vida de Antonio G., quen no 2010 emprende a búsqueda do seu curmán, soterrado nunha fosa común en Valencia. Un libro que profunda nas feridas herdadas, dando voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada do peso do silencio e da memoria.

A autora manterá unha conversa con Paula Cabaleiro, comisaria da programación do 8M, nun encontro que terá lugar ás 18 h do luns 23 de marzo no Espazo Sociocultural. A entrada é libre até completar o aforo.