Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comezaron as visitas guiadas ao conxunto histórico de Tui

5/03/2008

COMEZARON AS VISITAS ESCOLARES GUIADAS AO CONXUNTO HISTÓRICO DE TUI

Case 900 alumnos dos centros de ensino de Tui participaran nestas visitas 

O programa de visitas guiadas ao conxunto monumental tudense que a Concellería de Cultura de Tui puxo en marcha a través do Centro de Interpretación do Conxunto histórico comezaron esta semana coa presenza de varios grupos de alumnos de Educación Infantil do Colexio Rural Agrupado de Tui, en total 150 nenos e nenas. 

Ao longo do percorrido os cativos realizaron un achegamento aos lugares máis emblemáticos do conxunto patrimonial tudense, acompañados por dous monitores do Concello de Tui xunto cos seus profesores. Deste xeito nos rapaces, a pesares da súa curta idade, comezan a asentarse valores de respecto e valorización dos monumentos que conforman o conxunto histórico da cidade. 

Ata o vindeiro mes de maio estas visitas de carácter didáctico serán un feito permanente polas vellas rúa da nosa cidade, con tres percorridos adaptados ás diversas idades dos alumnos e aos seus intereses docente, pois estas visitas tentar ser unha actividade de apoio aos coñecementos que reciben, previa e posteriormente á visita, na súa aula. En total está prevista a participación de case 900 alumnos neste programa dos seguintes centros educativos: Colexio Rural Agrupado, CEIP nº 1, CEIP nº 2, CEP de Caldelas e Colexio Santa María (Maristas).

 Esta actividade forma parte do programa que a Concellería de Cultura do Concello de Tui promove a través do Centro de Interpretación do Conxunto Histórico para a posta en valor do patrimonio cultural tudense. Para o concelleiro Moisés Rodríguez Pérez o feito de que en poucos días dende a posta en marcha do programa ficasen practicamente cubertas as posibles visitas patentiza o acerto deste programa municipal e o interese que o noso patrimonio suscita entre os docentes e a sociedade en xeral.