Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comezan os traballos previos para a construción da pasarela peonil e a senda do Louro

11/06/2021

Trátase da materialización dun proxecto longamente demandado que permitirá camiñar á beira do río dende o Paseo Fluvial até Caldelas. 

O Concello de Tui iniciou esta semana os labores de retirada dos elementos existentes na finca afectada pola construción dunha pasarela sobre o río Louro. Estes traballos comezaron tras a sinatura das actas de ocupación para poder por a dispor da Confederación Hidrográfica do Miño Sil os terreos libres de cargas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Urbanismo, Yolanda Rodríguez, achegáronse esta semana á zona para, xunto cos técnicos, titulares da propiedade e coa empresa contratada, revisar o estaquillado que marca a aliñación da zona na  que se debe retirar a plantación que ocupa o ámbito de actuación por onde transcorrerá o acceso á pasarela. O prazo previsto de execución destas obras é de 15 días. 

Debido á execución destes traballos, por seguridade, está cortado o acceso dende o Camiño Sierpes a altura da praia da Metralla. Por este motivo dende o concello de Tui  solicítase a colaboración veciñal  respectando os sinais de prohibido o paso.

Dende o Concello de Tui agradécese á Confederación Hidrográfica o compromiso e a colaboración para poder sacar adiante este proxecto, longamente demandado, que se materializou co convenio asinado en 2020 para a execución da pasarela e da ponte.  
Con esta actuación o Concello de Tui continua apostando pola mellora das súas sendas, non só recuperando proxectos que quedaban pendentes, senón desenvolvendo novos proxectos, como o que se atopa nestes momentos en tramites de finalizar o procedemento de contratación como é a mellora no acceso á praia de Areeiros.

A pretensión por parte do Concello de Tui, é que antes de finalizar este 2021, todos os tudenses e visitantes poidan gozar dunha senda peonil que vaia desde a praia da Metralla até Caldelas.

En outubro do 2007, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, a través da Dirección Xeral de sustentabilidade da Costa e do Mar, adxudicou a Asistencia Técnica para a Redacción do Proxecto “Senda Litoral do Río Miño” que abarcaba a unión a través dunha senda peonil polo litoral, a unión dos Concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda.

En 2013, solicitouse, por primeira vez á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a asistencia técnica para a redacción do proxecto da construción dunha pasarela que permitiría unir a zona da Metralla coa praia de Areeiros en Guillarei, salvando o obstáculo do río Louro na súa desembocadura co Miño.

En 2020 asinouse un convenio no que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil se compromete á construción dunha pasarela de madeira, cun deseño que cause o menor impacto visual e de acorde coa contorna no que se empraza. A Confederación farase cargo do 70% do proxecto de execución, mentres que o 30% restante será asumido polo Concello de Tui ascendendo o seu importe a 69.000 euros, xunto co compromiso de asumir posteriormente o mantemento e conservación das obras.