Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comeza un curso de Corte e Confección do Programa Actívate da Deputación de Pontevedra en Tui

12/09/2011

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui informa, a través da súa responsable a concelleira Raquel Lorenzo Pimentel, que hoxe luns, 12 de setembro, comezou o curso de Corte e Confección impartido dentro do Programa Actívate da Deputación de Pontevedra, e no que participarán un total de 30 alumnas, con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. O acto de inauguración tivo lugar ás 10,00h e contou coa presenza do Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e  o deputado Pablo Baquero, en representación da Deputación Provincial de Pontevedra, xunto co concelleiro de emprego tudense, José Angel Villaverde Rocha.

 

O curso terá unha duración de 30 horas e impartirase na Aula da UNED – Tui, en horario de mañá. A través destes cursos formativos preténdese potenciar a integración dos mozos e mozas no mundo laboral, acadar un maior enriquecemento cultural e persoal, fomentar a cultura entre os mozos e mozas e facilitar a autonomía e o acceso ó mercado laboral de quen desexe orientar o seu futuro en relación coas actividades ofertadas, ademais de favorecer o traballo en equipo, fomentar as relacións e servir de punto de encontro entre eles.

 

Ademais, engade a concelleira Lorenzo Pimentel, este curso terá un marcado carácter intercultural, xa que nel van participar mulleres de diferentes nacionalidades como reflexo da nova sociedade na que vivimos, e é que ademais das alumnas españolas, participarán mulleres procedentes de Marrocos, Brasil, Colombia, Uruguai e Arxentina.

 

O Alcalde tudense sinalou no acto de inauguración a súa satisfacción por este acto que testemuña o traballo que tanto o Concello de Tui como a Deputación Provincial veñen realizando pola inserción laboral e a formación dos mozos e mozas tudenses. Estes cursos “Actívate”, a Escola Obradoiro, e outras accións formativas en curso supoñen que máis de 70 persoas estás recibindo dende o Concello tudense unha formación laboral imprescindible neste tempos de crise para achegarse o mundo laboral. Un esforzo, engadiu Moisés Rodríguez Pérez, no que o Concello ten que apostar fortemente especialmente nestes tempos con tantas dificultades no acceso ao mercado do traballo para tantos colectivos sociais.