Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Claxxon amenizará a primeira verbena das Festas de San Telmo mañá venres

9/04/2026

Foliada no Espazo Feiral e circo para público familiar con Henriko completan a programación do día

A rúa Compostela acollerá mañá venres a primeira verbena das Festas de San Telmo 2026, que estará amenizada pola orquestra Claxxon. Con dous pases —o primeiro de 21 h a 22 h e o segundo de 00 h a 2 h— este grupo galego fará un percorrido polos mellores temas de rock e pop dende os anos 70 até a actualidade.

Mañá venres tamén terá lugar a Foliada das festas no Espazo Feiral a partir das 22 h. Unha festa de música marcada polo son de pandeiretas, con bailes populares e mantendo viva a tradición galega.

Previamente, ás 18 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, haberá unha actuación de circo, humor e malabares con Henriko e o seu espectáculo Todotrucazos. É a historia dun artista circense que, tras cumprir 40 anos, decide volver aos escenarios e retomar o espectáculo individual que tiña xunto ao seu irmán.

A actuación do grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe prevista para mañá no Teatro Municipal aprázase para o venres 15 ás 21 h. A suspensión para este venres e o adiamento débese ao pasamento dun familiar dunha das persoas desta agrupación. As persoas que tiñan mercada a entrada para este venres recibirán de xeito automático a devolución do importe aboado.  As entradas para a nova data, 15 de maio, poranse á venda a mesma semana da función.

Tui prepárase así para a fin de semana grande das festas.