Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Clausurado o Obradoiro de Emprego que formous 32 alumnos ao longo deste ano

26/12/2011

CLAUSURA DO OBRADOIRO DE EMPREGO “AMBIENTAL TUI” QUE FORMOU A 32 ALUMNOS AO LONGO DESTE ANO

Venres, 23 de decembro de 2011. O Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui acolleu esta mañá o acto oficial de clausura do Obradoiro de Emprego “Ambiental Tui”. Neste acto participaron o alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, xunto ao concelleiro de formación e emprego do Concello de Tui, José Ángel Villaverde Rocha, o delegado da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Touris, a xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar, Carmen Bianchi Valcarcel, e a directora do Obradoiro de Emprego, Rosa Molinos Campos.

Este Obradoiro de Emprego “Ambiental Tui” ten proporcionado formación a 32 alumnos nas seguintes especialidades:

  • Cachotería e tallado de pedra, con 10 alumnos (7 homes e 3 mulleres)

  • Ebanistería, con 10 alumnos (6 homes e 4 mulleres)

  • Forestal e xardinería, con 12 alumnos (3 homes e 9 mulleres)

Destes 32 alumnos, a distribución por sexos é paritaria, e corresponden a diversos segmentos de idade:

  • de 25 a 30 anos: 4

  • de 31 a 40 anos: 12

  • de 41 a 50 anos: 14

  • de 51 a 60 anos: 2

Do alumnado participante 15 carecían de estudos e ao longo deste ano de formación 8 obtiveron no propio Obradoiro o seu titulo de graduado en ESO. Pois este Obradoiro de Emprego “Ambiental Tui” amais da formación no ámbito profesional específico coas súas correspondentes prácticas, desenvolveu una formación complementaria noutros ámbitos: de educación compensatoria (de febreiro a decembro), de sensibilización medioambiental (10 horas), de igualdade de xénero (16 horas), de informática (30 horas), de prevención de riscos laborais (60 horas) e de formación e orientación laboral (60 horas).

A realización deste Obradoiro de Emprego “Ambiental Tui” ten suposto unha importante aposta do Concello tudense e da Xunta de Galicia pola formación e a promoción do emprego entre os desempregados tudenses. A Xunta de Galicia ten aportado para o funcionamento deste Obradoiro (que abrangue gastos de formación, funcionamento e salarios de persoal e alumnos) un total de 699.140 Euros, namentres que o Concello de Tui ten achegado a este Obradoiro un total de 92.627 Euros.

Pero amais da formación os alumnos participantes teñen acometido a realización de diversas obras e intervencións de interese xeral; en concreto as obras realizadas son as seguintes:

  • Acondicionamento da senda PRG-19, de caracter circular e cunha extensión de 22,5 quilómetros e que partindo de Tui percorre ás ribeiras do río Miño ata Caldelas e dende alí continúa por Baldráns, Paramos e Guillarei

  • Obras de reparación e rehabilitación do Muíño do Rapado na parroquia de Baldráns.

  • Intervención no lavadoiro da Carballiza tamén na parroquia de Baldráns

  • Rehabilitación da Fonte do Piñeiro na parroquia de Guillarei

  • Na mesma parroquia intervención na Fonte de Rodas

  • Limpeza dos muíños do Pombal, na parroquia de Guillarei

  • Acondicionamento das áreas de esparexemento ou lecer de Caldelas, do Coello e da Veiga do Louro

  • Obras de acondicionamento na sede do Obradoiro de Emprego, no Centro de Formación de Gándara - Guillarei

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, amosou neste acto de clausura a súa satisfacción polo traballo desenvolvido neste Obradoiro de Emprego, felicitando tanto aos alumnos como ao persoal pola súa dedicación e interese. Congratulouse o rexedor tudense polos traballos realizados por este Obradoiro, especialmente polo acondicionamento da senda peonil PRG-19 que realiza un percorrido circular polo noso municipio. Pero o importante foi que ao longo deste ano o Concello ofreceu formación e emprego a 32 desempregados tudenses, testemuñando o compromiso municipal nesta materia. Anunciou que o Concello de Tui está preparando todo o necesario para solicitar, no momento en que se abra a convocatoria, novas accións de formación nesta mesma liña de traballo.