Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Cincuenta parellas compiten este domingo no VII Trofeo Eurocidade Tui-Valença de Baile Deportivo

22/10/2021

Celebrarase de 11.30 a 19 h no Pavillón Deportivo Municipal “Gustavo Rodríguez”

O Pavillón Deportivo Municipal “Gustavo Rodríguez” de Tui acolle este domingo o VII Trofeo Eurocidade Tui-Valença de Baile Deportivo. A competición está organizada polo Club de Baile Deportivo Pasos-Bailegalicia coa colaboración da Eurocidade Tui-Valença.  Será amais Campionato Galego de Danza Coreográfica e é puntuable para o Circuíto  Nacional da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD).

50 parellas de Galicia, Portugal e doutras comunidades competirán este domingo a partir das 11:30 h e até as 19.00 horas nas modalidades Standard (Valse Inglés, Tango, Valse Vienés, Slow Fox e Quickstep) e Latinos (Samba, Cha-cha, Rumba, Pasodobre e Jive).

Haberá distintas modalidades en función da idade dos participantes: Xuvenil (menos de 12 anos), Júnior (12 a 15 anos), Youth (16 a 18 anos), Adulto (máis de 18), Sénior (máis de 35 anos).

Mentres dende as 16.00 horas celebrarase o Campionato Galego de Danza Coreográfica (Baile Deportivo en Grupo) onde competirán 20 grupos de toda Galicia. En total serán 160 competidores na modalidade grupal.

O Baile Deportivo é un espectáculo de gran vistosidade para o público. Está regulado en España pola FEBD (Federación Española de Baile Deportivo) e está recoñecido como modalidade deportiva polo CSD e tamén en Galicia pola Secretaría Xeral do Deporte da Xunta de Galicia.

As entradas teñen un prezo de 7 € (5 € maiores de 65 anos, nenos menores de 12 anos gratis).