Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Charo Pita presenta este venres o espectáculo musical “No país do vento” no Teatro Municipal

7/03/2022

As entradas están á venda en www.tui.gal

“No país do vento” é o título do espectáculo musical que este venres, ás 19 h, chega ao Teatro Municipal de Tui con Charo Pita.  Cunha duración de 55 minutos “No país do vento” é un concerto para público familiar, recomendado a partir dos 3 anos, no que as cancións e as historias se mesturan achegándonos aos personaxes que habitan este país: unha científica incorrixible e algo poeta, noivas, donas, magas bruxas e tolas, unha familia de papaventos, un corazón que viaxa nunha cáscara de noz, unha xirafa e unha araña, o pato Simón…

Sobre o escenario estarán Charo Pita  voz, textos e música; María Faltri  voz, percusións e arranxos vocais;  Jorge Juncal  acordeón, teclado, arranxos e produción musical; Javier Fernández  Batería, percusións e arranxos musicais e Juansy Santomé Contrabaixo, baixo eléctrico.

Charo Pita comezou en 1994 a narrar historias, tanto para público infantil coma adulto. Imparte obradoiros de narración e lectura expresiva e leva publicados máis dunha ducia de libros. No seu haber ten varios premios entre eles o Espiral Maior de poesía no ano 2001 e o premio Manuel Murguía de narracións breves en 2018. Na colección Sonárbore da editorial Galaxia publicou o libro con poemas musicados “No país do vento”, que é levado a escena en forma de concerto acompañado de algún pequeno elemento teatral, que fan da peza unha delicia visual.

O espectáculo nace baixo dúas grandes premisas: a da igualdade de xénero, e a da música en galego.

As entradas están á venda en www.tui.gal aos prezos de 4€ e 3€.

No País do Vento