Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Charla sobre a educación en diversidade hoxe na aula da UNED dentro do programa “Tui con orgullo”

30/06/2022

Mañá o Paseo da Corredoira acollerá  a caravana LGTBIQA+ e un “Serán de Fantasía” con Meiga-i e a Big Band do CMUS de Tui

Hoxe xoves e mañá venres prosegue a programación “Tui con orgullo” organizada polo concello de Tui a través da concellería de Igualdade con motivo do Día do Orgullo que tivo lugar o pasado 28 de xuño.

 “Educando para o século XXI. Abrazando a diversidade” é o título da charla que hoxe xoves ás 20.30 h ofrecerá  Ana Ojea Alonso, profesora de Secundaria, titora LGTBIQA+ e coordinadora do programa de Atención á Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar dende o curso 2016/17 no IES Politécnico de Vigo. A poñente é tamén cofundadora e coordinadora da asociación Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia e formadora de profesorado e creadora de material didáctico sobre diversidade sexoxenérica e familiar.

Mañá venres, as actividades previstas terán lugar no Paseo da Corredoira.

De 16.30 a 20.30 h estará a Corredoira a caravana LGTBIQA+. Dúas técnicas, unha psicóloga e unha asesora xurídica, atenderán a todas aquelas persoas que desexen atopar respostas ás súas inquedanzas e dúbidas. Tamén contará cun espazo para consultas privadas.

A partir das 20.30 h terá lugar o “Serán de Fantasía”.  Este acto comezará co espectáculo “A drag pandereteira” a cargo de Meiga-I, que creará unha auténtica fantasía galega, pondo en valor a diversidade e a cultura propia, nunha performance na que fusiona o folk galego coa disciplina drag.  A continuación ás  21.30 h, actuará a Big Band formada polo alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que se suman a esta celebración da diversidade.

O palco da música no mesmo Paseo da Corredoira está iluminado esta semana coas cores do arco da vella, e colocouse unha bandeira coas cores representativas do colectivo LGTBI e o lema da programación “Tui con Orgullo”. Tamén na casa do concello colgouse a bandeira coas cores do arco da vella, neste caso son badeiríns realizados en crochet polas alumnas do obradoiro Cucapuntoes.

Tui con Orgullo

  • Xoves, 30 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED
    • Charla “Educando para o século XXI. Abrazando a diversidade” a cargo de Ana Ojea Alonso, profesora de Secundaria, titora LGTBIQA+ e coordinadora do programa de Atención á Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar
  • Venres, 1 de xullo, no Paseo da Corredoira “Serán de Fantasía”
    • De 16.30 a 20.30 h estará no Paseo da Corredoira a caravana LGTBIQA+. Dúas técnicas, unha psicóloga e unha asesora xurídica, atenderán a todas aquelas persoas que desexen atopar respostas ás súas inquedanzas e dúbidas. Tamén contará cun espazo para consultas privadas.
    • Ás 20.30 h espectáculo a cargo da drag pandereteira Meiga-I 
    • Ás 21.30 h actuación da Big Band do Conservatorio Profesional de Música de Tui.