Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Catorce persoas participan no programa Coidándome para coidadores familiares

4/03/2022

Ao longo de doce sesións recibirán formación, información e apoio

Catorce persoas coidadoras de familiares dependentes participan dende onte xoves no  programa “Coidándome” posto en marcha polo Concello de Tui, coa colaboración de AFAGA.

Durante doce sesións, os xoves de 10.30 a 12h, as persoas participantes recibirán información e formación sobre as diferentes patoloxías que xeran dependencia e estratexias prácticas para o coidado. Tamén recibirán orientación sobre recursos sociais e de apoio para situación de dependencia, ao tempo que se incidirá na gran importancia do autocoidado.

A psicóloga xeral sanitaria de AFAGA, Beatriz Rodríguez, conduce estas sesións nas que participarán tamén unha fisioterapeuta, unha traballadora social e unha enfermeira, dando así resposta ás necesidades que se detecten no propio grupo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, deron onte á benvida ás participantes no programa, animándoas a aproveitar esta actividade pioneira que se levara a cabo xa en 2018, e que logo debido á pandemia tivo que pararse até este ano.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, fixo fincapé nas actividades que o Concello de Tui leva a cabo en colaboración con AFAGA, tanto no Centro de Randufe, coma nas distintas parroquias coma é o programa “Cultiva a Mente”, destacando precisamente o rexedor a descentralización deste programa.

O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, pola súa parte, explica coma este tipo de cursos server para pór en valor o labor dos coidadores familiares, para intercambiar experiencias con outras persoas que están na mesma situación.

O programa Coidándome busca ofrecer unha atención integral aos coidadores familiares para previr ou minimizar as consecuencias que ten na súa propia saúde as atención continuadas a un familiar maior con dependencia.

Nesta actividade emprégase unha metodoloxía grupal coa que se informa, forma, e apoia emocionalmente ás participantes, ao tempo que se promocionan momentos de descanso activo e relación social con outras persoas que se atopan na mesma situación.