A casa do concello de Tui ilumínase de verde para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental
O Concello súmase a campaña promovida pola asociación Avelaíña
A casa do concello de Tui ilumínase de verde para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental. O Concello de Tui súmase así á campaña que leva a cabo a Asociación Avelaíña o longo deste mes de outubro para sensibilizar e informar á poboación sobre a enfermidade mental.
O 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental, unha data coa que se busca sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.
A Asociación Avelaíña
A Asociación Avelaíña, entidade sen ánimo de lucro, naceu no ano 1997 na comarca do Baixo Miño, coa misión de potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. No ano 2010 Avelaíña foi declarada Entidade de Utilidade Pública.
Tras 24 anos de andadura, na actualidade a asociación está integrada por 18 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde. O seu ámbito de actuación é a provincia de Pontevedra.
Hoxe en día Avelaíña está presente no Baixo Miño, no Val Miñor, no Condado, na Paradanta e en Salceda de Caselas. Conta con numerosos convenios e concertos con organismos públicos, promovendo aquelas intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes e procurando unha mellor relación entre a persoa e o seu medio.