Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui, fai públicas as delegacións nos membros do goberno municipal

19/10/2017

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, vén de facer públicas as delegacións da alcaldía nos membros do equipo de goberno e as dedicacións que haberá no seu goberno, que non superarán economicamente as do anterior, estando incluso un pouco por baixo.

Carlos Vázquez Padín asume as áreas de Facenda, Participación Cidadá e Medio Rural e terá dedicación exclusiva total. O primeiro tenente de alcalde será Antonio Castro Negro, do PP, que asume amais Seguridade Cidadá, Fomento e Protección Civil. Terá unha dedicación parcial. Milagros González Monteiro, de Ciudadanos Tudense, será a segunda tenente de alcalde, e será a responsable das áreas de Educación, Mercados e Persoal, contará cunha dedicación parcial.  María Jesús da Silva Fernández, de Alternativa Popular de Tui, será a terceira tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo.

Eduardo Freiría Martínez, de Converxencia 21, será o cuarto tenente de alcalde, e terá as delegacións de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente.  A concelleira do Partido Popular Estrella Carmen Muradas Maceira levará a área de Servizos Sociais. O tamén popular José Rodríguez Romero será o responsable de Vías e Obras, Parque Móbil, Limpeza e Alumeado, e terá dedicación parcial. Mentres Andrés Urseira González, de Ciudadanos Tudenses, será o concelleiro de Deportes, Turismo, Eurocidade e Relacións Supramunicipais. Por último Yovana Velázquez Torres, do Partido Popular, será a concelleira de Comercio e Industria.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín,  avanzou tamén que a Xunta de Goberno Local, estará conformada por el mesmo xunto a Antonio Castro Negro, Milagros González Monteiro, María Jesús da Silva Fernández, Eduardo Freiría Martínez e Estrella Carmen Muradas Maceira.

Carlos Vázquez Padín, como alcalde asume a presidencia das comisións informativas, salvo a de Cultura que será presidida polo seu compañeiro de C21, Eduardo Freiría.