Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Boas Vibes situará a Tui como centro da cultura xuvenil para pechar o verán

2/09/2025
Mercado creativo, encontros inspiradores, pintura en directo, concertos, sesións dj, break dance, beat box e zona gastro na Alameda de San Domingos

A mocidade será a gran protagonista este sábado 6 de setembro en Tui, coa celebración do Festival Boas Vibes na Alameda de San Domingos. Un punto de encontro entre persoas novas, creatividade e cultura na segunda edición deste festival.

A programación comeza ás 11 h coa apertura dos postos do Mercado Creativo, onde se amosará o talento novo en produtos e pezas de arte, artesanía, ilustración, moda, música, cerámica, xoiería, decoración ou literatura.

Xunto á apertura institucional, os Encontros Inspiradores abren ás 12 h na zona do Mirador un espazo de diálogo para coñecer de primeira man a experiencia profesional e persoas de catro mozos e mozas inspiradoras no ámbito da interpretación, o deporte, o emprendemento, a creación de contidos ou da divulgación. Participarán Guillermo Carracedo, médico, campión de Paddle Surf e tiktoker; Isabel Garrido, actriz, coñecida por series de Netflix como Élite, El Jardinero ou El Desorden que dejas, ademáis de múltiples filmes; Raúl Lomba, emprendedor, cofundador da marca de moda surfeira galega Waves; e FatiSuki, streamer e creadora de contidos, de humor, anime e videoxogos.

Ás 13.30 h, na hora do aperitivo, haberá unha primeira sesión dj con Sofi Peries, que pechará as actividades matutinas, podendo desfrutar da zona gastro con food trucks abertas durante toda a xornada.

Pola tarde, ás 16.30 h, continuarán as sesións dj coa viguesa Sariinha e o porriñés Samu Pexe, mentres a artista plástica Alba Troiteiro realizará unha pintura de gran formato en directo.

Continuando con música, ás 18.30 h estará en concerto o grupo emerxente vigués Supernova, cun repertorio de versións dos anos 80, 90 e 2000. Ás 19.30 h chegará Vella Escola cun impresionante espectáculo de Breakdance e Beat Box.

E a xornada pecharase con dous concertos de artistas mozos, xa referentes no ámbito galego, e que traballaron xuntos nun tema. Son Hydn, que actuará ás 20 h, e Eris Makenzie ás 22 h. O recinto do festival pecharase ás 00 h.

Para a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, esta proposta “volverá a promover “boas vibras” poñendo a igualdade de oportunidades, o respecto, a cohesión social e a corresponsabilidade no centro, cunha programación dirixida e pensada para a mocidade”.

Este programa, comisariado pola xestora Paula Cabaleiro, está promovido pola Concellería de Igualdade de Tui, co apoio das Subvencións a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a Promoción da Igualdade (Programa Plan Corresponsables no ámbito local. Dirección Xeral de Promoción da Igualdade).

  • Festival Boas Vibes
  • Sábado 6 de setembro na Alameda de San Domingos
  • Programa
    • Mercado Creativo: de 11.00h a 21.00h
    • Zona Gastro (foodtrucks con mesiñas e cadeiras): de 11.00h a 00.00h
    • Encontros con xente inspiradora: de 11.30h a 13.30h. Con Guillermo Carracedo (médico e campeón de PaddleSurf, tiktoker), Isabel Garrido (actriz), Fatisuki (creadora de contidos, sobre anime e videoxogos, streamer) e Raúl Lomba (cofundador da marca de moda surfeira Waves).
    • Dj Session: dende a hora do aperitivo e o xantar (13.30-15.00h) e media tarde, de 16.30h ás 18.30h. Con Sofi Peries Dj, Samu Pexe Dj e Sariinha DJ.
    • Pintura en directo, de Alba Troiteiro: de 16.30h a 19.30h.
    • Concerto de Supernova: de 18.30 a 19.00h.
    • Espectáculo Breaking dance & Beat Box: de 19.30 a 20.00h. Con Vella Escola.
    • Concerto de Hydn: de 20.00h a 21.00h. Con danza e DJ.
    • Actuación de peche. Concerto de Eris MackenZie: de 22.00h a 23.00h.
  • Entrada libre
  • Máis información: igualdade@tui.gal / 664 55 24 93