Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal incrementou usuarios e préstamos no pasado ano 2010

31/01/2011

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI CONTINUOU INCREMENTANTO OS SEUS USUARIOS E PRESTAMOS AO LONGO DE 2010

 

Luns, 31 de xaneiro de 2011. A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de presentar a súa memoria de actividades do pasado ano 2010 na que se testemuña a consolidación deste servizo bibliotecario como un dos referentes culturais do Concello tudense. Como principais acontecementos da Biblioteca tudense ao longo do pasado ano cómpre salientar os seguintes:

 

a)     A concesión por quinto ano consecutivo dun dos Premios "María Moliner" convocados polo Ministerio de Cultura, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación "Coca-Cola" España no apartado de "labor bibliotecaria".

b)     A consolidación das actividades de extensión bibliotecaria, como a celebración no 23 de abril, día do libro, da actividade "Os libros na Praza de San Fernando" en colaboración coas bibliotecas escolares do concello ou as 23 actividades desenvolvidas ao longo do ano.

c)      A mellora do fondo bibliográfico, contando cunha permanente escolma das novidades literarias que son incorporadas á colección da Biblioteca nun prazo breve de tempo e que ten contribuído ao incremento dos préstamos a domicilio.

 

Datos estatísticos

A Biblioteca tudense ten acadado no pasado ano un total de 38.285 usuarios (o que supón unha media de 123 persoas que acceden diariamente a este servizo cultural) incrementándose en case sete mil o número de usuarios con respecto ao ano anterior, en que foran 31.512. Similar incremento experiméntase no número de libros retirados en préstamo domiciliario polos socios da Biblioteca que chegaron a 6.246 libros (3.381 da sección adultos e 2.865 da sección infantil) aumentando tamén arredor dun 20% en relación aos 5.374 libros emprestados ao longo de 2009.  No pasado ano incrementáronse en 251 os socios da Biblioteca.

 

Para os responsables da Biblioteca tudense estes datos son especialmente satisfactorios, especialmente no incremento dos libros emprestados xa que supoñen un aval á liña de traballo desenvolvida neste centro bibliotecario nos últimos tempos. Así o aumento de 1.210 novos títulos da colección bibliográfica, (877 en adultos e 333 en infantil) e que alcanza os 29.762 volumes, incorporando as novidades editorias logran fidelizar aos nosos usuarios e incrementar significativamente o movemento dos fondos bibliográficos. Este incremento de fondos supón un importante esforzo económico que financia en grande medida o Concello de Tui coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

 

Outro dato son as 7.934 visitas que tivo no pasado ano a páxina web da nosa bibliotecas accesible en www.bibliotecaspublicas.es/tui  e os 29.449 accesos á consulta dos nosos catálogos dende a páxina web da Rede de Bibliotecas de Galicia.

 

Actividades

Ao longo do ano 2010 a Biblioteca Municipal de Tui desenvolveu diversas actividades de promoción da lectura. Por unha banda actividades de carácter permanente e estable como son:

-          Clube de Lectura, integrado na actualidade por 12 persoas que se reúnen quincenalmente na Biblioteca para comentar os libros que previamente teñen escollido e lido.

-          Visitas escolares, que no pasado ano 2010 supuxeron a visita ao centro bibliotecario de 315 alumnos de diversos centros educativos de primaria e secundaria do concello tudense.

-          Bibliopiscina, como un servizo complementario nos meses estivais que este ano contou, de novo, cun amplo lote bibliográfico, que foi renovado completamente a metade da tempada de uso.

-          "Lendo espero" ou programa promovido pola Consellería de Cultura e Turismo que ofrece un espazo de lectura na sala de espera de pediatría no Centro de Saúde de Tui, en cuxa xestión participa a Biblioteca Municipal de Tui.

 

En canto a actividade de carácter periódico ao longo do ano 2009 foron realizadas un total de 24 actividades de animación á lectura (contacontos, proxeccións, obradoiros, etc.) dirixidos especialmente aos nenos e nenas, pero por vez primeira neste pasado ano se organizaron tamén para outros segmentos de idade. Así houbo actividades para adultos como contacontos ( o celebrado o 21 de outubro co grupo "A Loco-Motora")  ou o recital poético de Xosé Carlos Caneiro (a finais de maio), así mesmo unha sesión de formación (obradoiro de escritura creativa con Santiago Jaureguizar) e tamén obradoiros de banda deseñada (co obradoiro "Crear o noso propio libro") e un total de oito sesións de contacontos e monicreques para os máis cativos. Boa parte destas actividades foron realizadas ao abeiro do programa "Letras Vivas" que promove a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia

 

Entre as actividades promovidas para os rapaces e que se centraron nas campañas: "Mes dos libros" (abril/maio), "Día da Biblioteca" (outubro), "Outono na Biblioteca" (novembro) e "Nadal con libros", cómpre salientar como actividades que suscitaron maior interese e participación a celebración do "Día do Libro" coa actividade "Os libros na praza" en colaboración coas bibliotecas dos centros escolares do noso municipio, cunha participación de alumnos de todos os centros públicos tudenses que superou os 1.500 alumnos que ateigaron á Praza de San Fernando con máis de 5.000 libros vellos e usados que aportaron cada familia e os diversos centros bibliotecarios participantes neste acontecemento. Cómpre sinalar como todos os centros escolares acompañaron o depósito dos libros con diversas actuacións musicais, teatrais ou de lectura de textos ou recitado de poemas.

 

Outra importante actividade promovida pola Biblioteca Municipal foi a conmemoración o 24 de xuño do CXVIII aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia que contou coa participación de Darío Xohan Cabana e María Xosé Queizán, xunto a Marga do val. Celebrado na igrexa de San Domingos este recital reuniu a máis de 100 persoas. Nesta conmemoración, por ves primeira, recuperouse o banquete galeguista que se celebrara naquel evento, agora no Parador de Turismo "San Telmo" de Tui o sábado 26 de xuño.

Por ultimo, reseñar que a Biblioteca acolleu outras actividades como a presentación do libro de poemas de Marga do Val "A cidade sen roupa ao sol", etc.

 

Para o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, os datos desta Memoria acreditan o importante esforzo que o Concello de Tui está a desenvolver na promoción da lectura pública desde o convencemento que é unha ferramenta imprescindible para a formación no só dos rapaces senón de toda a sociedade e, ao tempo, unha alternativa de lecer de grande interese.