A Biblioteca Municipal de Tui incrementa a calidade dos seus servizos
A renovación de equipos informáticos e a instalación dun buzón para devolucións de libros entre as melloras realizadas
Hoxe, 23 de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro, a concelleira de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, vén de presentar diversas melloras realizadas na Biblioteca Municipal tudense co obxectivo de incrementar a calidade do seus servizos.
Así por unha parte o Concello procedeu á renovación do equipamento informático de uso público con tres novos ordenadores de sobremesa e tres portátiles á disposición dos usuarios da Biblioteca.
Por outra parte co obxectivo de facilitar a devolución dos libros as 24 horas día foi instalado un buzón para a devolución destes exemplares no exterior da Biblioteca a carón da zona axardinada da fachada principal do edificio Francisco Sánchez.
Outra das melloras realizadas abrangue a incorporación de novo mobiliario para a biblioteca, en concreto un expositor de novidades e un carro transporta libros para facilitar o traballo do persoal.
Tamén foi adquirido un moble expositor para a colección de pósters da biblioteca de cinema Daniel Domínguez, que se atopa no centro bibliotecario.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosa a súa satisfacción por estas melloras que redundan nunha mellor calidade destes servicios bibliotecarios, destacando especialmente a renovación completa dos equipos informáticos a disposición dos usuarios pois deste xeito garanten o acceso á información de todos os cidadáns, unha das funcións encomendadas ás bibliotecas públicas.





