Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal de Tui achegouse aos trinta mil usuarios no ano 2007

18/02/2008

A BIOBLIOTECA MUNICIPAL TUDENSE ACHEGOUSE AOS TRINTA MIL USUARIOS EN 2007 

A mención de honra no X Premio María Moliner, principal noticia do pasado ano 

A Biblioteca Pública Municipal de Tui ven de facer público o balanzo do pasado ano 2007. Entre os principais datos aportado neste documento figuran:

-         Ao longo do pasado ano a Biblioteca tudense contou con 29.154 usuarios, o que fai unha media diaria de 97,18 usuarios.

-         A Biblioteca tudense conta con 3.387 socios do que se incorporando ao longo do pasado ano un total de 208 novos socios.

-         Un total de 1572 novos libros enriqueceron os andeis da biblioteca tudense no pasado anos, do que 1264 eran para adultos e 308 para os rapaces. Deste xeito a colección bibliografica á disposición dos usuarios acada a cifra de 24.648 volumes.

-         O número de libros retirados en préstamo a domicilio foi de 2.944, dos que 1509 eran libros infantís e 1435 libros para adultos.  As cifras da Biblioteca Municipal tudense coinciden de xeito substancial cos datos existentes para Galicia, onde a principal eiva é o reducido número de empréstito de libros que se realizan a pesar do importante esforzo que están a realizar as Administracións Públicas por mellorar as coleccións das bibliotecas.

O balanzo abrangue tamén as numerosas actividades desenvolvidas no centro bibliotecario no pasado ano: Club de Lectura, “Fun Kids” animación á lectura en lingua inglesa, Bibliopiscina, “Lendo espero” como actividades de carácter permanente. Logo realizáronse actividades co gallo do Entroido, día do libro infantil e xuvenil (2 de abril), día do libro (23 de abril), día das letras (17 de maio), día da biblioteca (24 de outubro), etc. A Biblioteca Municipal foi escenario tamén da presentación de diversas publicacións: “Origen griega de Tuy” de Alberto M. Carrillo, Revista Galega de Educación, “ O Porriño 1936” libro de Quico Paz Antón ou “Tui antigo” de Silvia González Soutelo. Tamén a Biblioteca colaborou con colectivos sociais da localidade para a realización de actividades diversas: sesión de “Contos no camiño” do Xacobeo, coa asociación “Pinga doce”, coa Asociaciòn de Amas de Casa, etc. 

Como principal noticia do pasado ano 2007 está a mención de honra conseguida pola Biblioteca Municipal tudense na categoría de “labor bibliotecaria” nos X Premios María Moliner convocados polo Ministerio de Cultura, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación “Coca-cola España”. Para o Concelleiro de Cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, cómpre resaltar este galardón por canto foron 540 os proxectos presentados a esta convocatoria procedentes de toda España e a Biblioteca tudense quedou finalista acadando esta mención que equivale a un segundo premio. Tamén a programación artellada pola Biblioteca tudense nos meses de abril e maio foi galardoada pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia cun dos premios do programa “Abril, mes dos libros”. 

Para o concelleiro tudense outro elemento a salientar foron as melloras de mobiliario introducidas na sala infantil con novas mesas e asentos para os usuarios máis cativos, que atopan así un mobiliario adaptados as súas necesidades. En definitiva, a Biblioteca Pública Municipal de Tui consolídase como un referente na actividade cultural da cidade e como un servizo permanente de acceso á cultura e á información para todos os cidadáns.