Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal celebra o Nadal con Obradoiro infantís e o Mercadiño Solidario de Libros

10/12/2025

A Biblioteca Pública Municipal de Tui celebra o Nadal con Obradoiros Infantís e cunha nova edición do seu Mercadiño Solidario de Libro sumándose así á programación do “Camiño do Nadal”.

Baixo o título de “Viaxando polo mundo” a biblioteca tudense oferta obradoiros infantís  para nenos e nenas de 5 a 12 anos. Celebraranse de 11 a 13 h o venres 26, luns 29 e martes 30 de decembro así como o venres 2 de xaneiro. Para participar cómpre inscrición previa en cada obradoiro ben a través do correo electrónico biblioteca@tui.gal ou ben de xeito presencial na propia Biblioteca Municipal. O prazo de inscrición ábrese o vindeiro venres 12 de decembro e a inscrición será por rigoroso orde de chegada. 

Por outra parte o vindeiro martes, 16 de decembro, terá lugar a apertura do Mercadiño Solidario de Libros que celebra anualmente a Biblioteca tudense en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui. Nestas xornadas a Biblioteca Municipal repite este mercadiño tras a exitosa experiencia dos últimos anos e ofrece preto dun milleiro de libros, escollidos entre os destinados ao expurgo, os procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns da veciñanza, para que aquelas persoas lectoras interesadas poidan recoller as obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais. Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta. Diariamente se irán incorporando novos exemplares actualizando así de modo permanente este mercadiño.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, subliña como esta oferta de actividades pretende achegar a Biblioteca Municipal como un espazo aberto á sociedade e con propostas de extensión bibliotecaria para os máis pequenos e que contribúan ao seu lecer educativo e á conciliación para as familias.