Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal celebra o Día da Biblioteca coa renovación da súa web, club de lecturas e unha exposición de fotografías antigas

25/10/2021

Este centro bibliotecario realizou no que levamos de ano máis de 5 mil préstamos e incorporou 200 novos usuarios

“Bibliotecas: ler, aprender, descubrir” é o lema co que este ano se celebra do “Día da Biblioteca” que tivo lugar onte 24 de outubro. Céntrase en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e ao coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos.

A Biblioteca Municipal de Tui ten realizado ao longo do último mes unha ampla programación de actividades de contacontos, encontros con autoras e autores, presentación de libros, … que teñen contado cunha alta participación, propiciando así que a Biblioteca se converta nun lugar de encontro, de diversión e de promoción da lectura.

Amais coa celebración do “Día da Biblioteca” dende a Biblioteca Municipal de Tui se promoven tres propostas Club de Lectura, unha exposición e a renovación da súa web.

Así por unha banda dende hoxe está aberto o praza de inscrición para os dous Club de Lectura, un para adultos e outro en francés, que promove este centro bibliotecario. Até o 4 de novembro as persoas interesadas en participar nestes club pódense inscribir presencialmente na Biblioteca ou na web https://www.bibliotecaspublicas.es/tui.

Precisamente vénse de renovar completamente a web da biblioteca - https://www.bibliotecaspublicas.es/tui - procurando unha maior sinxeleza no seu uso e por tanto unha maior accesibilidade aos seus contidos e a súa integración coas redes sociais da biblioteca municipal tudense (Facebook, Instagram e Twitter). Esta renovada páxina web realizouse ao abeiro do programa xerador de webs que promove o Ministerio de Cultura e Deportes para as bibliotecas españolas.

A terceira proposta é a exposición de fotografías antigas de Caldelas e Tui titulada “A nosa auga, a nosa terra, a nosa xente” propiedade do Balneario de Caldelas e que ofrece unha escolma de 76 fotografías de finais do século XIX e inicios do XX de grande interese.

Esta mañá na inauguración da mostra a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, agradecía á xente do Balneario de Caldelas, a posibilidade de poder presentar esta mostra na Sala Municipal, unha exposición que reflicte “van poder disfrutar dunha parte da cidadanía, das nosas xentes, das nosas tradicións… ” engadía que é “unha marabilla” polo que convidaba á cidadanía a visitar esta exposición.

Pola súa parte a xerente do Balneario de Caldelas explicaba coma este proxecto o puxeron en marcha durante o confinamento sacando á luz máis de 500 placas fotográficas de cristal con imaxes tomadas por Antonio Oliver Rubios, fundador do Balneario, e os seus fillos Antonio e Manuel. Nesta mostra amósanse 76 imaxes desta colección.

Con estas propostas a Biblioteca Municipal tudense continúa a desenvolver a súa actividade co obxectivo de configurarse como un espazo aberto a todos os cidadáns que posibilita o acceso á información e á cultura.

32 mil títulos, máis de 5 mil préstamos este anos e 200 novos usuarios na Biblioteca

Na actualidade a Biblioteca Pública Municipal tudense conta con 32.311 títulos a disposición dos seus usuarios. So no que vai de ano foron incorporados un  total de 971 novos exemplares que teñen actualizado e enriquecido as colección bibliográfica gracias ao fondos destinados polo Concello e a Xunta de Galicia, así como a doazóns particulares logo escolmadas polo persoal da Biblioteca.

Ao longo deste ano foron realizados un total de 5171 préstamos de 3404 obras, por un total de 642 prestameiros e prestameiras activos,  deles 386, maiores de 14 anos, e 256 menores desa idade. Ao longo do presente ano 2021 a Biblioteca inscribiu un total de 196 novos usuarios.

Os libros máis emprestados ao longo deste ano 2021 son, en literatura para adultos, “La novia gitana” de Carmen Mola, “Tierra alta” de Javier Cercas, “La red purpura” de Carmen Mola y “Aquitania” de Eva García Sáenz de Urturi.

No caso de literatura infantil as obras con máis préstamos son tres títulos de Cube Kid: “Diario de un aldeano hiperpringao”, “Diario de un aldeano ultrapringao” e “Diario dun aldeano pringao” xunto ao “Dragón que botaba lume” de Carlos López ou “Resuelve el misterio” Lauren Magaziner.