A Biblioteca Municipal acolle o contacontos “Que contan as árbores?”
A cita será o próximo martes 13 ás 17.30 h dentro do programa de actividades do “Mes da Biblioteca”
O próximo martes, 13 de outubro, ás 17.30 horas, a Biblioteca Municipal de Tui, acolle o contacontos “Qué contan as árboles…?” a cargo do grupo Maquinarias Teatro. Presentarán ante o público unha historia sobre as árbores que abrangue varios relatos contados coa axuda da palabra e de obxectos de refugallo: contos de Gianni Rodari, Shel Silverstein, e Helga Méndez. Que Contan as Árbores…? é un espectáculo de narración oral que combina contos, obxectos e poesía visual para achegarnos á relación entre humanidade e natureza.
A narradora constrúe o relato a partir de fragmentos de obras de autores como Gianni Rodari (Historia Natural e O mundo en lata), Shel Silverstein (A árbore xenerosa) e tamén dun conto propio de Helga Méndez, A muller-árbore, inspirado na vida de Wangari Maathai, Premio Nobel da Paz e impulsora do Movemento Cinto Verde en África.
Con humor fálase dos ritmos frenéticos do progreso, que arrasan sen mirar atrás, e con amor dos ritmos repousados da natureza, que nos lembran a importancia da paciencia, da coidanza e do respecto polo que nos rodea. A través do xogo escénico, as historias conéctanse entre si como pólas dunha mesma árbore, transmitindo valores de solidariedade, respecto á natureza e compromiso social.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinala que este contacontos vai dirixido a público familiar falandos dos ritmos frenéticos do progreso con humor, e dos ritmos repousados da natureza con amor, para tecer comunidade.
Este actividade, dirixida a rapazada usuaria da Biblioteca Municipal, forma parte do programa de dinamización de bibliotecas públicas, Ler Conta Moito da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.





