Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Berrobambán Teatro presenta “Bicharada” Será o venres ás 20h no Teatro Municipal.

17/11/2010

Berrobambán Teatro presenta “Bicharada”
Será o venres ás 20h no Teatro Municipal. As entradas están á venda en www.culturatui.info ao prezo de 3€ e 2€

Mércores, 17 de novembro de 2010. “Bicharada” é o título da obra teatro de actores xestual que Berrobambán Teatro vai representar este venres, ás 20h, no Teatro Municipal de Tui.

“Bicharada” está dirixida por Evaristo Calvo e protagonizada por Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Anabell Gago. O vestiario foi deseñado por Clotilde Pereira, polo que recibiu o premio María Casares 2010. A obra conta  a historia de dúas veciñas unha araña e unha formiga, que aínda que teñen costumes ben distintas se levan ben. A primeira almacena provisións e a segunda tece a súa tea de araña. Pero algo cambia cando chega un novo veciño, un escaravello, cuxa integración vai ser máis complicada do que podería parecer.


Berrobambán é a compañía galega con maior traxectoria en teatro infantil de actores e actrices. Desde o ano 2000 ten levado a escena oito espectáculos representándoos dende Seul a Canadá, do territorio mudo ao musical, do texto contemporáneo ao clown, do público adulto ao familiar. Para este último tipo de público, Berrobambán coordinou “Circo-Lar” dentro da oferta cultural de “A Cultura Circula” e foi a encargada de organizar e coordinar a primeira programación estable de teatro familiar en Galiza: “Asteroide B-612”. O último proxecto da compañía ata o momento foi a posta en escena do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil: “Boas Noites” de Paula Carballeira.

Berrobambán caracterízase por querer ser unha compañía que non cesa de explorar e arriscar nas súas propostas, un proxecto artístico que se consolida como un dos máis estables e  internacionais do panorama teatral galego.

As entradas para “Bicharada”, ao prezo de 3€ e 2€, pódense adquirir na web www.culturatui.info ou o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes da Área Panorámica.

Berrobambán Teatro con “Bicharada”
Lugar: Teatro Municipal de Tui
Data e hora: Venres, 19 de novembro, ás 20h
Duración: 50 min.
Recomendada: Para público familiar a partir dos 3 anos
Entradas: Venda en www.culturatui.info ata o venres ás 16h, e o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 3€ e 2€.

http://bicharada.berrobamban.com/