Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Aula CeMIT de Tui (Telecentro) conta cun equipo adaptado ás personas con discapacidade

1/03/2011

A AULA CeMIT DE TUI (ANTIGO TELECENTRO) CONTA CUN EQUIPO ADAPTADO ÁS PERSONAS CON DISCAPACIDADE

 

Luns, 28 de febreiro de 2011. Dende a pasada semana o antigo Telecentro de Tui, agora denominado Aula CeMIT, conta cun ordenador adaptado para as persoas con discapacidade fornecido polo programa “TicTac Adapta Galicia”. Este programa que está financiado polo Ministerio de Industria, Turismo y Comercio e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e promove a instalación de ordenadores adaptados para persoas con discapacidade en centros de acceso público a Internet. Deste xeito, facilitarase o acceso ás novas tecnoloxías deste sector poboacional. Con este novo equipamento se facilita o acceso á sociedade da información a persoas con distintas discapacidades físicas ou sensoriais.

 

Este proxecto lévase a cabo grazas ao cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellorar a cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais.

 

Trátase dun equipo informático adaptado para persoas con discapacidade que permite que todos os cidadáns en igualdade de condicións teñan garantido o acceso ás novas tecnoloxías.Este novo ordenador conta con pantalla táctil, e dispositivos como un teclado simplificado de teclas grandes e un rato de bóla xigante, recomendado para persoas con problemas visuais e/ou de mobilidade, así como un rato que pode ser utilizado co queixo para discapacidades auditivas, cognitiva ou motriz.Tamén está dotado dun joystick para desprazar o cursor e activar cos pulsadores as funcións habituais dos ratos. O equipo dispón tamén de software para ampliación de pantalla e outras alternativas que favorecen a súa accesibilidade. Trátase dunha ferramenta moi útil para mellorar o acceso dos nenos e mozos con necesidades educativas especiais ou dificultades de aprendizaxe, así como usuarios maiores con dificultades motrices.

 

Para o concelleiro de cultura tudense Moisés Rodríguez Pérez a instalación deste novo equipo do programa “Tic Tac Adapta Galicia” posibilita que dende o Concello de Tui se continúe avanzando en acción de cara a integración das persoas con discapacidade agora no ámbito de acceso ás novas tecnoloxías, rachando coas barreiras existentes para, por exemplo, navegar por internet. O Concelleiro agradece á Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica esta nova actuación de colaboración co Concello de Tui no ámbito das súas competencias.