Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ata o lúns está aberta a matrícula no curso de verán da Universidade de Vigo sobre educación ambiental

4/07/2008

ATA O LUNS ESTÁ ABERTA A MATRÍCULA PARA O CURSO DE VERÁN SOBRE EDUCACIÓN AMBIENTAL A CELEBRAR EN TUI DO 7 AO 11 DE XULLO

O Concello de Tui informa que aínda restan prazas para participar no curso de verán que a Universidade de Vigo organiza na cidade arredor da educación ambiental. Terá lugar dende o próximo luns día 7 e até o venres día 11 nas dependencias do Museo Municipal tudense, no antigo convento de San Domingos.

Este Curso de Verán ten unha duración de 35 horas lectivas e posúe unha validación por dous créditos recoñecidos pola Universidade de Vigo.

Os obxectivos deste curso de educación ambiental denominado "Comunicar, educar e participar para a conservación ambiental" son, entre outros, identificar e recoñecer as posibilidades que o medio rural ofrece para a educación ambiental, proporcionar ferramentas para o deseño e desenvolvemento de programas e actividades de comunicación e educación ambiental ou aprender o uso de métodos participativos e como promover os cauces para a participación en cuestión ambientais.

As prazas ofertadas pola Universidade de Vigo son 40 e o prazo de matrícula remata o vindeiro luns 7 de xullo. Está prevista a participación como docentes de membros da administración pública (tanto da Consellería de Medio Ambiente como do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), profesores universitarios e representantes do sector privado.

A celebración deste curso de verán xorde dun acordo do Pleno da Corporación Municipal tudense e foi concretizado tras a visita da Vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María do Carme Cabeza Pereiro, no pasado mes de marzo. Tamén naquela xuntanza ficara establecido que este curso é un primeiro paso para en anos vindeiros incrementar a celebración destas accións formativas na nosa cidade.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, o desenvolvemento deste curso contribuirá a promover a posta en valor dos importantes recursos naturais que posúe o noso concello, centrados especialmente no Parque Natural do Monte Aloia e no río Miño, incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea. A celebración deste curso de verán supón tamén a posibilidade de que os mozos tudenses universitarios podan acceder máis doadamente a novos créditos que completen a súa formación académica. Finalmente a celebración deste curso favorecerá tamén ao sector servizos da nosa localidade.