Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ata o 30 de xuño segue a exposición "165 anos de ensino medios en Tui"

22/06/2011

ATA O 30 DE XUÑO SEGUE ABERTA A EXPOSICIÓN “165 ANOS DE ENSINO MEDIO EN TUI”

 

Mércores, 22 de xuño de 2011. Ata o vindeiro 30 de xuño continua aberta ao público a exposición conmemorativa dos 165 anos da fundación na nosa cidade dun Instituto de Bacharelato, que comezou a funcionar no curso 1845/46 que co titulo de  “165 anos de ensino medio en Tui” está organizada conxuntamente entre a Concellería de Cultura tudense e os IES “San Paio” e Francisco Sánchez, e na que colaboran o Instituto “Sánchez Cantón” de Pontevedra, o Museo Pedagóxico de Galicia e o Museo Diocesano de Tui.

 

Ata agora teñen sido numerosos os veciños e os grupos de estudantes que se achegan ata a Sala Municipal de Exposición para efectuar a través dos obxectos expostos e dos paneis informativos unha “viaxe” por este século e medio de existencia na nosa cidade dun instituto.Con esta mostra reivindicase a antigüidade do ensino medio en Tui, salientando que foi unha das primeiras cidades de Galicia en contar cun centro educativo destas características, pois só Lugo tivo un instituto anteriormente, en 1842, e no referido ano 1845 comezan os de Santiago, Ourense, Pontevedra e Tui, namentres que A Coruña deberá agardar a 1862.

 

Para a Concellería de Cultura do Concello de Tui trátase de salientar este aniversario que sitúa á nosa cidade como un dos primeiros lugares de Galicia en contar cun centro de ensino medio é reivindicar a historia da nosa cidade, a súa vocación educativa e cultural.  Congratúlase polo traballo conxunto realizado entre os Institutos de Ensino Secundario de Tui e a Concellería de Cultura na organización desta mostra que estará aberta ao público ata o 30 de xuño.

 

Breve historia

Nado a instancias do concello, o instituto de Tui, radicado no desamortizado convento de San Francisco (hoxe seminario menor) foi un instituto de terceira clase no que quedarán integradas as cátedras de latinidade e filosofía (que viña sostendo o concello), que se financiará coas matrículas dos seus propios alumnos, cos fondos das cátedras integradas e cunha subvención municipal para cubrir o posible déficit.

 

Os compoñentes do primeiro claustro foron: don Francisco Martínez e don Juan Santos Villa (presbíteros, catedráticos de latín, xa exerceran no estudo público que antes sostiveran cabido e concello), don Pedro Miguel Caravelos (colexial, ex-reitor do colexio maior de Fonseca en Santiago), don Juan Ramón Costas (presbítero), don Juan José Domínguez (estes dous últimos xa foran catedráticos no colexio de filosofía que sostiña o concello), don Manuel Silva (que sería tamén o primeiro secretario), don José Mouriño e don Juan Antonio Rodríguez Bustillo. Director titular foi don Telmo Maceira que, polo seu traslado á corte, dende marzo de 1846 foi auxiliado polo director interino don Pedro Sobral. Na lista de matriculados (20 alumnos de 1º, 31 de 2º,14 de 4º) son maioría os tudenses, da propia cidade e da diocese, pero tamén hai representación de Cambados, Ferrol ou Salamanca. A creación do Seminario en 1850 no mesmo edificio é, posiblemente, a causa da súa desaparición naquela data.

 

Haberá que agardar ata a II República para contar cun novo centro creado, no ano 1933 en Tui, como colexio de 2ª ensinanza subvencionado polo Estado. Chega unha das épocas máis gloriosas do ensino medio tudense e figuras como as de Ferro Couselo ou Benito Prieto ensinan nas aulas de San Domingos. Actividades extraescolares, clases de balde fóra de horario para obreiros e artesáns, exposicións de traballos, revista escolar Tude... A pesares das presións do Concello unha orde ministerial de 1939 clausura esta segunda etapa.

 

Haberá que esperar ao decreto de 19 de maio de 1950 que crea o instituto de ensinanza media e profesional de Tui, modalidade agrícola gandeira. É o inicio dun período que, sen interrupcións, chega aos nosos días, no que contamos con dous Institutos de Ensino Secundario: “San Paio” e “Francisco Sánchez”.