Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A asociación asistencial SOS Tomiño Baixo Miño e Alberto Romero Rodríguez “Romer” Premios Cidade de Tui 2022

5/04/2022

Entregaranse o sábado 16 ás 19.30 h no Teatro Municipal

O Concello de Tui convocou por segundo ano os Premios Cidade de Tui destinados a recoñecer e galardoar o relevante labor desenvolvido tanto por persoas físicas como xurídicas para o progreso da nosa cidade, pola a súa achega ao desenvolvemento social dende o seu ámbito profesional ou por calquera acción de relevancia que teña contribuído ao engrandecemento e difusión de Tui e os seus cidadáns.

O xurado destes premios reunido a pasada semana acordou, por unanimidade, a concesión dos seguintes premios. Na categoría colectiva á Asociación Asistencial Sos Tomiño – Baixo Miño e na categoría individual a Alberto Romero Rodríguez “Romer”.

No que atinxe á Asociación Asistencial Sos Tomiño -Baixo Miño o xurado valorou que dende o ano 2009 ven desenvolvendo unha ampla actividade, sendo un exemplo sobranceiro de compromiso social a prol dos máis desfavorecidos do municipio de Tui e dos concellos veciños de Tomiño, O Rosal e Oia. O xurado valora o traballo xeneroso e altruísta dos numerosos voluntarios que integran esta Asociación, a colaboración interxeracional que promoven nas súas actividades e o amplo programa asistencial que desenvolve este colectivo. O mesmo tempo que destaca a excelente organización á hora da recollida e distribución das axudas e a alta efectividade coa que desenvolven o seu labor.

Polo que respecta á categoría individual o premio concedido a Alberto Romero Rodríguez, “Romer”, é, segundo a acta do xurado, en recoñecemento ao seu traballo dende hai máis de dúas décadas na promoción do muíños do río Tripes. Alberto “Romer” é o impulsor, dende o ano 2003, da romaría de “ Os nosos fariñeiros, burros e muíños” e promotor, dende o ano 2007, da Asociación de Muiñeiros do río Tripes. O xurado valora o seu labor de investigación do noso patrimonio etnográfico e inmaterial relacionado co río Tripes e o Parque Natural do Monte Aloia, a súa condición de promotor da restauración dos muíños deste río, da cultura popular asociada aos mesmos e a ruta de sendeirismo que percorre este amplo conxunto etnográfico, consolidada como un dos principais recursos turísticos e culturais do noso municipio. Destaca o seu traballo altruísta e o seu empeño na recuperación e promoción dos muíños do Tripes, conservando e enriquecendo o noso patrimonio cultural.

Finalmente o xurado quixo deixar constancia do seu homenaxe de recoñecemento a tres figuras falecidas neste último ano e que, polas súas achegas á nosa cidade e traxectoria persoal ligada a Tui, son merecentes de recoñecemento:

  • Daniel Domínguez Pérez, profesor e guionista
  • Alfonso Álvarez Gándara, avogado
  • Luis Hernando de Larramendi, avogado e vicepresidente da Fundación Ignacio Larramendi.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os galardóns concedidos nesta segunda edición do Premios Cidade de Tui recoñecen as importantes achegas que á vida colectiva de Tui teñen realizado tanto a Asociación asistencial Sos Tomiño – Baixo Miño, que ten unha das súas sedes no noso concello, así como o labor de tanto anos, na recuperación do patrimonio cultural e natural vinculado cos muíños do Tripes, realizado por Alberto Romero. Son exemplos de traballo altruísta ao prol da vida colectiva, do desenvolvemento social e comunitario do noso concello. Tanto Sos Tomiño – Baixo Miño como Alberto Romero son testemuña da vitalidade da sociedade tudense.

O acto de entrega destes premios terá lugar nun acto solemne o vindeiro sábado, 16 de abril, ás 19.30 h no Teatro Municipal.