Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Asinado un convenio entre o Concello de Tui e Zona Franca para o desenvolvemento do polígono industrial de Ribadelouro

9/02/2022

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o delegado de Zona Franca en Vigo, David Regades, asinaron este mediodía un protocolo de colaboración entre ambas entidades para pór en marcha os estudos que permitirán desenvolver un novo parque empresarial na parroquia tudense de Ribadelouro.

Segundo o protocolo asinado hoxe, o Consorcio da Zona Franca e o Concello de Tui van pór en marcha actuacións para avaliar e analizar posibles solucións cunha estratexia conxunta que ten dúas fases. A primeira será un estudo e análise para o cambio do sistema de actuación, de tal maneira que pase a ser dun sistema de compensación ao de expropiación. Neste sentido, o Concello vai iniciar o estudo/informe no que se inclúa unha actualización das partidas, xunto cunha programación da solución atopada.

A segunda fase será o estudo de viabilidade económica, xurídica e de demanda de mercado por parte do Consorcio, baseándose no documento achegado polo Concello de Tui, no que se analice a posible participación da Zona Franca.

Para coordinar as actuacións constituirase unha comisión de seguimento co obxectivo de impulsar no menor prazo posible as actuacións para a execución dos acordos do protocolo.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, tras a sinatura do protocolo, sinalou que este "é un día importante para Tui, e para o territorio no que Tui xoga un papel importante de centralidade". Engadía que "damos un paso máis no proceso iniciado por este goberno no ano 2015 de reordenación do polígono de Ribadelouro no sector sub2A e sub2B que se culminou  neste mandato". Engadiu que "agora dase un paso máis para viabilizar os sectores 1 e 3". Avanzou que "o goberno non sólo está traballando neste chan, tamén está a piques de levar a pleno para a súa aprobación provisionalmente doutro asentamento industrial en Baldráns, e a Comunidade de Montes de Guillarei está traballando para reordenar o chan empresarial nesta parroquia". Tamén indicou que "se está iniciando os traballos previos para poder acometer a ampliación do parque empresarial de Areas".   Concluíu Enrique Cabaleiro agradecendo a Zona Franca a sinatura deste protocolo. 

Pola súa o delegado de Zona Franca, David Regades, asegurou que "a colaboración dará como resultado o impulso dun proxecto que ofrecerá unha importante bolsa de chan empresarial no sur de Galicia e moi próximo á fronteira con Portugal, para complementar o chan industrial na zona. É unha zona estratéxica para a área de Vigo", subliñou.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tui delimita en Ribadelouro catro sectores de chan urbanizable de uso industrial (Su.1, Su .2A, Su.2B e S.3). Mentres que os sectores Su.2A e Su.2B atópanse en fase de aprobación definitiva dos seus plans parciais, nos sectores Su.1 e Su.3 non se iniciaron os trámites. A transformación urbanística deses sectores serviría para dotar de chan apto para a implantación de actividade industrial na contorna de Vigo, nunha zona con acceso directo á AP-9, o que dará resposta á gran demanda de chan industrial existente no ámbito de influencia do CZFV.