Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A apertura da rúa Ourense poderá ser unha realidade no comezo de 2019

17/01/2018

Esta semana levantáronse as actas de ocupación e pagamento paso previo á licitación da obra

A comezos do ano 2019 a apertura da rúa Ourense, en sentido sur, podería ser unha realidade. Este luns deuse un paso fundamental na tramitación deste ambicionado proxecto coma é o pago das expropiacións aos propietarios do inmobles afectados co levantamento das actas de pagamento e ocupación. En concreto o concello ten aboado 638.875,27€ aos tres propietarios dos inmobles afectados e aos dous arrendatarios de locais comerciais, que disporán agora de tres meses coma máximo para deixar as súas propiedades.

De forma parela procederase á licitación da obra orzamentada en máis de 314.538,51 euros. Suporá a execución dun vial que facilitará moito a circulación desde o ensanche cara ao sur da cidade e dunha rotonda que conectará a rúa Ourense coas rúas Augusto González Besada e Colón .

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, confía que a obra podería estar adxudicada no verán e comezar a executarse no último semestre do ano, de tal xeito que no inicio 2019 a apertura desta rúa podería ser unha realidade, se non xurde ningún atranco nos pasos que restan por completar.

Vázquez Padín resalta que esta obra é unha prioridade clara para o goberno municipal, e que unha vez executada se deberá completar coa segunda fase que enlazaría a rúa Ourense coa Avenida da Concordia. Precisamente o alcalde incide en que o obxectivo neste mandado e poder aprobar en pleno esta segunda fase.