Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ampliada até o venres 15 a inscrición no I Concurso de Escaparates de Nadal

11/12/2023

Ampliouse até o venres 15 de decembro, ás 14 h, a inscrición para participar no I Concurso de Escaparates de Nadal 2023/24 organizado polo Concello de Tui, a través da concellería de Emprego e Comercio, en colaboración con ACITUI, a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui. O obxectivo do mesmo é dinamizar o comercio de proximidade e impulsar a actividade comercial durante as festas.

Os establecementos que desexen participar deberán enviar a solicitude ao correo comercio@tui.gal até ás 14 h do venres 15 de decembro. Deberase indicar o nome e emprazamento do establecemento e un nome e teléfono de contacto. Axuntaranse dúas fotografías do escaparate e unha breve memoria explicativa.  A partir do 15 de decembro o xurado - formado por profesionais de recoñecido prestixioso nas áreas de escaparatismo, deseño, mercadotecnia, promoción comercial, fotografía e deseño de interiores, e presidido pola concelleira de Emprego e Comercio - visitará os escaparates participantes, que estarán debidamente identificados. Na súa valoración terán en conta a composición e orixinalidade na temática de Nadal, o uso dos artigos que se comercializan coma elementos decorativos, a interacción co público, o emprego obrigatorio de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou elementos naturais, e o traballo realizado na confección do escaparate. Entre todos elixirán aos dez finalistas, que recibirán un distintivo cun código QR que dará acceso ao público a votar a través da aplicación Easy Promos entre 28 de decembro e o 6 de xaneiro. O martes 9 de xaneiro daranse a coñecer os tres establecementos gañadores que recibirán un premio de 300 € o gañador, 200 € o segundo, e 100 € o terceiro clasificado. Amais todas as persoas que participen na votación optarán a seis vales de compra por importe de 50€ para consumir nos comercios participantes. As bases completas do concurso pódense consultar en tui.gal.

O comercio local, ACITUI e o Concello de Tui únense nesta iniciativa que será un atractivo máis para achegarse a Tui nestas festas de Nadal.

Bases I Concurso de Escaparates de Nadal 2023/24