Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Adxudicada a reforma da Praza de Abastos por 1,3 millóns de euros

31/10/2023

A empresa tudense Plaintec será a responsable de executar a obra. Deberá estar finalizada o 30 de xuño de 2024

O Concello de Tui vén de adxudicar a obra de reforma da Praza de Abastos á empresa tudense Plaintec  por un importe de 1.322.706,42€. Así se aprobou onte en sesión plenaria ao ser a oferta máis vantaxosa segundo o recollido na proposta da mesa de contratación. O punto saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno do Partido Socialista, e abstención dos tres grupos da oposición, PP, BNG e C21.

As obras terán un prazo de execución de 8 meses, debendo estar rematadas o 30 de xuño de 2024 ao estar financiadas nun 80% con fondos europeos Next Generation.

O proxecto a executar suporá a reforma integral da Praza de Abastos coa súa modernización e actualización tanto interior coma exterior, co que o mercado gañará en confortabilidade e eficiencia enerxética.

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, sinala que este proxecto é clave “para a dinamización comercial da cidade” e busca converter á praza “nun mercado referente e atractivo”. Ana Núñez amosa a súa satisfacción porque sexa unha empresa tudense, Plaintec, quen vaia a executar a obra, o que significará que o investimento previsto redundará tamén directamente na economía local a través desta firma. Sailentaba que o retorno do investimento previsto, amais da propia reforma da praza, non pode ser mellor ao ser executada por unha empresa do municipio con gran parte da súa plantilla tamén tudense.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosa a súa confianza en que a execución desta obra “converta a praza de abastos no que debe ser” e destaca “a importancia que este equipamento pode xogar no desenvolvemento económico e social deste concello”.