Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Aberta a matrícula na Aula da Uned de Tui para o curso 2011-2012

16/09/2011

ATA O 27 DE OUTUBRO ESTÁ ABERTO O PRAZO DE MATRICULA NA AULA DA UNED DE TUI

 

Dende onte 14 de setembro e ata o vindeiro 27 de outubro está aberto o prazo de matrícula no curso de acceso á universidade para maiores de 25 e de 45 anos que imparte a Aula da Uned de Tui.

Esta matrícula é necesario realizala on-line a través da páxina web : www.unedpontevedra.es. Os interesados poden acceder a información sobre esta oferta educativa nesta páxina web ou acudindo directamente á sede da Uned de Tui no antigo convento de San Domingos en horario de 10 a 13 ou de 17 a 19,30 horas ou ben chamando ao teléfono 986.605150.

Neste curso de acceso poderán matricularse aquelas persoas que non teñan a titulación requirida para o ingreso na Universidade. Este será o segundo ano de funcionamento da Aula da Uned en Tui logo da moi positiva experiencia do primeiro curso, con máis de oitenta alumnos matriculados e coa impartición na sede da Uned tudense das titorías correspondentes ás que poden acudir os alumnos matriculados

O Concello de Tui, a través da súa concelleira de educación Vanesa Rodríguez Pereira, congratúlase pola consolidación deste Aula da Universidad Nacional de Educación a Distancia que favorece deste xeito o acceso á educación superior aos veciños de Tui e a súa bisbarra que xa non teñen de desprazarse ata Pontevedra para asistir ás clases ou titorías das diversas materias.

Esta Aula da Uned de Tui completa a ampla oferta de ensino que proporciona o Concello de Tui aos seus veciños e que abrangue a Escola Oficial de Idiomas, o Conservatorio de Música, etc.

O goberno municipal tudense entende que a presenza deste centro universitario en Tui é unha excepcional noticia pois acredita o importante esforzo económico que o Concello de Tui realiza en materia educativa e de formación, dende o convencemento de que é unha das principias ferramentas para garantir a igualdade de oportunidades no acceso á formación académica, especialmente nestes tempos de crise onde este recurso é fundamental para a inserción  laboral e profesional dos cidadáns.