300 alumnos e alumnas asisten á primeira proxección de O Cine nas Aulas
A través do cinema abordan como fomentar a empatía, o respecto e a cooperación
O Teatro Municipal de Tui acolleu esta mañá a primeira das proxeccións deste curso do programa “O cine nas Aulas”. A través do Servizo de Prevención de Drogodependencias o Concello de Tui, oferta esta actividade aos centros educativos de Primaria e Secundaria na que empregando o cine coma ferramenta se abordan diferentes temáticas incidindo na prevención.
Hoxe foron 300 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria dos centros educativos de Tui e o seu profesorado os que asistiron á proxección da película, sobre a que logo traballarán nas aulas temas coma fomentar a empatía, o respecto e a cooperación; comprender e valorar a importancia do medioambiente, e a convivencia co diferente.
Precisamente dende o Servizo de Prevención de Drogodependencias facilítaselles todo o material complementario que servirá logo como soporte para tratar na aula as diversas temáticas transversais que aparecen en cada guía e que permiten profundar noutros ámbitos transversais que resulten de interese de cada docente.
A través da proxección da película cáptase a atención dos máis novos, apóiase a súa capacidade de reflexión e favorécese a análise e a crítica dos contidos educativos que presenta. Deste xeito o cine convértese nunha eficaz ferramenta de traballo.
O programa “O cine nas aulas” continuará o martes 2 de decembro cunha nova proxección dirixida ao alumnado de 4º da ESO dos IES do Concello.
Para facilitar a asistencia ao Teatro o concello pon a dispor dos centros educativos os autobuses precisos.





