Intensa fin de semana de actividades culturais en Tui: cinema o venres, bandas de música o sábado e C.J. Chenier o domingo
Intensa fin de semana de actividades culturais en Tui
Cinema o venres, bandas de música o sábado e C.J. Chenier o domingo
Xoves, 17 de xullo de 2008. Tui vai vivir unha intensa fin de semana cultural coas actividades previstas no marco da programación do “Verán Cultural” que organiza a Concellería de Cultura de Tui.
A cita comeza mañá venres, ás 22.30h, na Praza de San Fernando coa proxección da película “Bee Movie”. Trátase dun film da factoria Dreamworks na que se mestura humor e acción.
O sábado dende ás 16h vaise celebrar no Teatro Municipal o Concurso de Bandas de Música da Zona Sur de Pontevedra organizado pola Deputación Provincial.
Participarán a Banda de Música Cultural de Mondaroz, a Banda de Música Municipal de Arbo, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo, a Banda de Música Xuvenil de Torroso, a Banda de Música Popular de Rubiós, a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas, a Agrupación Musical do Rosal e a Agrupación Musical de Vincios. Cada unha delas interpretará dúas pezas.
Coma agrupación convidada e fóra de concurso actuará a Odaiko Percussion Group.
Por último o domingo o Teatro Municipal acollerá ás dez da noite o concerto de C.J. Chenier e a Red Hot Lousiana Band. As entradas están xa á venda ao prezo único de 3€ en www.caixanova.es, ou o domingo pódense adquirir dende ás 19.30h na billeteira do Teatro.
Este concerto chega a Tui grazas a Caixanova en colaboración co Concello de Tui.
Clayton Joseph Chenier é na actualidade o “mellor cantante e acordeonista de Zydeco, estilo no que se mestura a cultura tradicional francesa e africana”. A súa principal influencia vén do seu pai que era considerado o Rei do Zydeco, a morte deste comezou a dirixir a Red Hot Lousiana Band, coa que ten gravados numerosos albumes.
Tocou con Paul Simon e Ringo Star e moitos comparan a súa forza coa de James Brown. O seu primeiro disco “Too Much Fun” do ano 1994 foi disco do ano para a revista Living Blues. Participa en festivais de Jazz e da concertos multitudinarios. No seu curriculo musical destacan dous premios o Living Blues Critics’ Poll Award e o AFIM Indie Award for Best Zydec Album.
O furacán Katrina que destrozou boa parte de Nova Orleáns inspirou gran parte do material do seu album “The Desperate Kingdown fo love”.
No concerto deste domingo ofrecerá o seu mellor directo enganchando ao público ao seu son pegadizo e alegre.
Programación Cultural de Tui
Cinema: Bee Movie
Data: Venres 18 de xullo ás 22.30h
Lugar: Praza de San Fernando
Concurso da Zona Sur de Banda de Música
Data: Sábado 19 ás 16h
Lugar: Teatro Municipal
Concerto de C.J. Chenier & The Red Hot Lousiana Band
Data: Domingo 20 ás 22h
Lugar: Teatro Municipal
Entradas: Prezo único de 3€
Venda na billeteira o domingo dende ás 19.30h ou na web www.caixanova.es