O luns inaugúrase a exposición fotográfica “Na penumbra do tempo” de Gus Abreu
Poderase visitar na Sala Municipal de Exposicións dentro do programa de actividades dos 800 anos da consagración da Catedral de Tui
O próximo luns, 19 de outubro, ás 20 h, na Sala Municipal de Exposicións, no Edificio Francisco Sánchez, inaugurarase a exposición fotográfica “A penumbra do tempo: 800 anos de luz e sombra na catedral de Tui” do fotógrafo Gus Abreu. A mostra recolle unha escolma de imaxes da catedral tudense e forma parte do programa de actividades que promove o Concello de Tui para a conmemoración dos oitocentos anos da consagración da catedral de Santa María.
O propio Gus Abreu describe así esta exposición tan especial: Debido ao meu traballo en vídeo na gravación de diferentes eventos, estiven moitas veces eu só na catedral, mesmo ás veces fóra do horario aberto ao público. Neses momentos é cando sentes todo o peso dos seus 800 anos de historia, e aí naceu o meu desexo de reflectir esa sensación nunha fotografía. Eses séculos pesan demasiado. Se pretendes abarcalos todos cunha cámara, a tendencia natural é disparar ao grande, ao monumental, ao que xa fotografaron centos de persoas antes ca min.
Decidín facer xusto o contrario. Apaguei a présa e dediqueime a camiñar amodo, a mirar o que normalmente queda fóra de plano. Levo máis de trinta anos nisto da fotografía —aprendín a mirar entre o cheiro dos químicos no laboratorio e hoxe sigo facéndoo diante do monitor—, e se algo teño claro é que a foto boa case nunca está no centro da nave. Está nun capitel que ninguén mira porque queda moi alto, na fenda dun muro, ou nesa mancha de luz que dura dez minutos contra a pedra fría e despois desaparece ata o día seguinte.
En moitas destas imaxes asoman rostros: caras esculpidas en pedra ou talladas en madeira, figuras que pasamos por alto e que, de súpeto, parecen devolver a mirada a quen as observa. Ao reproducir estes detalles a gran formato, esas cousas minúsculas cambian de escala e collen unha forza que antes non tiñan. Convídovos a deter a présa un momento e descubrir eses segredos e miradas que a materia, a sombra e os séculos gardaron para nós.
Gus Abreu conta cunha ampla traxectoria no campo audiovisual, tanto en fotografía como en vídeos e na edición deste tipo de materiais, e con esta exposición mostra a súa ollada sobre o elemento referencial do patrimonio tudense como é a catedral de Santa María e ofrece unha ollada diferente do seu valor patrimonial.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, explica que esta exposición fotográfica “A penumbra do tempo” ofrece una visión, case poética, da nosa catedral achegándonos a súa historia, a súa dimensión material e inmaterial mediante unha escolla de 30 imaxes en gran formato que pretenden capturar e desvelar aqueles elementos, texturas, relevos, inscricións e detalles construtivos que, por atoparse en zonas restrinxidas, áreas de acceso elevado ou espazos pouco frecuentados polo público xeral, permanecen invisibles aos ollos do visitante cotián. A mostra dota de visibilidade ao oculto, permitindo unha nova lectura do patrimonio da nosa catedral.
Esta exposición fotográfica está organizada polo Concello de Tui, lamentando a concelleira tudense a escasa implicacións doutras administracións públicas con esta conmemoración dos 800 anos da consagración da catedral de tudense. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 30 de novembro.





