Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra o luns a concentración cabalar de San Bartolomeu

21/08/2026

Entre os espectáculos previstos destaca o de Rafael Arcos e El Chamo que estarán por vez primeira en Galicia

El Chamo, actual campión de España de doma vaqueira, e Rafael Arcos actuarán por vez primeira en Galicia. Será o próximo luns ás 12.45 h na Concentración Cabalar de San Bartolomeu.  Esta secular cita volverá a converter a Tui en referente no mundo equino en Galicia cun amplo programa ao longo da mañá que comezará coa apertura da concentración ás 8 h. Este tradicional evento reunirá a centos de persoas para participar no amplo programa previsto.  

Ás 10 h terá lugar o primeiro espectáculo ecuestre con Reality Show Libre que reunirá a afeccionados da contorna que amosarán as súas destrezas a cabalo. Para todos aqueles que acudan a concentración establécense un ano máis os premios especiais – que se entregarán ás 12.30 h - á mellor presentación, xinete, amazona, cabalos, ponis, burros, mulas, carruaxes, que deberán circular pola pista de presentación á entrada da concentración entre ás 11 e ás 12.30 h. Tamén haberá galardón para o tratante con máis cabezas, burros, cabalos e ponis. 

Ás 11 h poderase gozar do espectáculo de exhibición vaqueira de Aires de Romero, que ás 12 h levará a cabo o espectáculo de Doma en Liberdade. Dende Portugal chegan Cabalos sen fronteiras con “Entre Marxes” que actuarán ás 11.30 h.

Para pechar a xornada, como espectáculo de clausura, actuarán por vez primeira en Galicia Rafael Arcos e El Chamo, actual campión de España de doma vaqueira, xunto a Miguel da Fonseca. 

A rúa Loureiro converterase así o próximo luns en punto e encontro para todos os afeccionados do cabalo.