Noites de cinema este verán no conxunto histórico de Tui
A primeira cita será este venres, 3 de xullo, ás 22.30 h coa proxección de ‘Flow’ na praza de Frómista
Este verán o cinema será protagonista no conxunto histórico de Tui. Dentro da programación estival, a praza de Frómista acollerá tres proxeccións. ‘Flow’, ‘Rondallas’ e ‘Moon’.
A primeira cita será este venres 3 de xullo ás 22.30 h co película ‘Flow’, de Gints Zilbalodis. É un filme de animación para público familiar que recibiu o Premio Oscar a Mellor película de animación en 2024.
Conta a historia dun gato que esperta nun mundo cuberto de auga, onde a raza humana parece ter desaparecido. Busca refuxio xunto a outros animais nun barco, pero levarse ben con eles é un reto aínda maior que superar o seu medo á auga. Todos terán que aprender a superar as súas diferenzas e adaptarse ao seu novo mundo.
A seguinte proxección programada é “Rondallas”. O filme de Daniel Sánchez Arévalo proxectarase o venres 10 de xullo; pechará este cicl ‘Moon, o meu amigo panda’ de Gilles de Maistre, o venres 14 de agosto.
Todas as proxeccións serán ás 22.30 h, con entrada de balde. Na praza de Fromista instalaranse para cada proxección 150 cadeiras.
Debido a estas citas o tráfico rodado pola rúa Cuenca pecharase cada xornada de cinema ás 22 h até o remate da proxección.
Tui vivirá este verán tres noites de cinema ao aire libre no conxunto histórico, nunha praza de Frómista que ven de ser renovada e que este venres acollerá a primeira actividade cultural tras a reforma.





