Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle a presentación do número especial da revista Cuardenos de Pedagogía dedicado ao Congreso Educativo da Eurocidade Tui-Valença

5/06/2026

Será o luns no Seminario Menor. Tamén se dará a coñecer a campaña “A Bandeira da Democracia”

Tui acollerá o próximo luns, 8 de xuño, a presentación da Campaña “A Bandeira da Democracia” e do número especial de Cuadernos de Pedagogía dedicado ao II Congreso Eurocidade Tui-Valença celebrado o pasado mes de xaneiro.

O acto desenvolverase a partir das 19.15 h ES no Seminario Menor de Tui, contando coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do presidente da Cámara de Valença, José Carpinteira, da concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, do vereador de Educaçao, Arlindo Sousa, xunto a representantes do proxecto Atlántida, da propia revista Cuadernos de Pedagogía, do Centro de Formación do Profesorado de Vigo, e do Centro de Formación do Vale do Minho.

O acto comezará coa presentación da campaña “A bandeira da democracia” e da Revista Cuadernos de Pedagogía “Educar en e para a democracia”. A continuación proxectarase un vídeo resumo do II Congreso e contarse coa intervención telemática de Carmen Pellicer, directora de Cuadernos de Pedagogía. A revista, referencia do pensamento educativo en España e Portugal, dedica por primeira vez un monográfico completo a un congreso celebrado nunha Eurocidade, o que supón un recoñecemento ao proxecto compartido de Tui e Valença.

Nunha segunda quenda, Jorge Fernandes e Florencio Luengo presentarán as liñas clave dos discursos dos Ministerios de Educación de Portugal e España, da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra no congreso de xaneiro, recollendo os compromisos institucionais asumidos en materia de educación democrática e valores compartidos.

As concellerías de Educación de Tui e Valença, xunto cos Centros de Formación do Profesorado de Vigo e Vale do Minho, darán a coñecer as experiencias e proxectos desenvolvidos en ambos municipios, amosando como a Eurocidade é xa un espazo real de colaboración educativa transfronteiriza.

O grupo organizador dos Congresos Eurocidade presentará tamén os plans de continuidade para os próximos anos como son o Proxecto Sesgos, un programa de traballo con docentes e familias sobre o pensamento crítico e os sesgos cognitivos na era da desinformación; un proxecto centrado na Intelixencia Artificial e o seu impacto na educación e na democracia, con docentes e familias; e o III Congreso Eurocidade e Educación a celebrar en 2028 que consolidará este espazo único de encontro e reflexión pedagóxica entre os dous países.

Dende o Concello de Tui convídase ás comunidades educativas a participar nesta presentación do próximo luns. As persoas participantes poderán levar un exemplar desta edición especial da revista Cuadernos de Pedagogía.