Éxito das xornadas Siñor Afranio que onte se pecharon enoloxía e música
Tui pechou onte á noite con éxito as Xornadas Siñor Afranio nas que a palabra, o audiovisual, a enoloxía e a música permitiron realizar un percorrido pola vida de Antón Alonso Ríos.
Víctor Coyote, Pancho Álvarez e Pablo Novoa brindaron onte un percorrido sonoro cheo de emoción pola vida de Antón Alonso Ríos. As sonoridades dunha muiñeira, dun tango ou dunha treboada, conformaron parte do mapa musical debuxado con temas tradicionais, cancións compostas para o documental “Afranio” xunto a outras escritas por Víctor Coyote inspirándose na vida de Alonso Ríos. As imaxes proxectadas ao longo do concerto conformaron un ambiente único cos tres músicos en escena. Da súa man o público que encheu a sala puido viaxar dende Galicia a Portugal e Arxentina.
No peche do concerto a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, subliñou o compromiso do Concello coa memoria histórica agradecendo a importante participación nas distintas actividades.
Previamente onte ao mediodía, no Mercado de San Antonio, tivo lugar o “O Túnel do Viño. Percorrido do Siñor Afranio”. Foi unha degustación de viños que seguiu a ruta xeográfica pola que fuxiu Afranio. A sumiller Marina Cruces, o viticultor Antonio Míguez Amil e o enólogo Manuel Areal foron os encargados de guiar ás persoas asistentes nas catro quendas establecidas, a través das características dos viños do Rosal, do Condado, do Ribeiro e de Portugal.
O documental “Afranio” con guión e dirección de Víctor Coyote, e a conferencia da historiadora Natalia Jorge permitiron, o xoves e venres, achegarse á figura de Afranio, na apertura destas xornadas.





