Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Até o 5 de xuño pódense presentar as solicitudes para a realización das fogueiras de San Xoán

12/05/2026

As que se leven a cabo en espazos privados tamén deberán ser comunicadas. Deberán distar ao menos 25 metros de casas ou árbores

Até o venres, 5 de xuño, pódense presentar as solicitudes para a realización das fogueiras de San Xoán tanto en espazos privados coma públicos. Nun bando da alcaldía infórmase das normas e condicións de seguridade para a realización das cacharelas.

Este ano como novidade deberase realizar comunicación previa da realización da fogueiras en espazos privados sinalando o nome e enderezo da persoa responsable e plano de situación coa indicación do lugar da fogueira. No caso da realización da fogueira en espazos públicos débese solicitar o permiso no modelo dispoñible na web municipal, xunto coa documentación requirida. 

As fogueiras deben realizarse en zonas idóneas, ampliándose a 25  metros de distancia mínima de casas, árbores e demais obxectos.  Non se poderán facer en praias nin preto de elementos patrimoniais.  Non deberán exceder os 4 metros de ancho e os 2 metros de alto. De facerse en terreos de uso público lousados, asfaltados ou pintados débese protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros en toda a superficie.

Outras da condicións de seguridade a ter en conta serán ter a man mangueiras ou extintores. Non se poderán queimar pneumáticos ou plásticos, e a fogueira non se situará no lado oposto ao vento. As fogueiras deberán quedar completamente enterradas ou apagadas ao remate das celebracións, que coma moi tarde será ás 4 h da madrugada. Outra das cuestións a ter en conta será dispor unha pequena caixa de primeiro auxilios.

As fogueiras poderán ser prendidas entre as 18:00 h do día 23 de xuño e, en todo caso, antes da 1:00 h do día 24 de xuño.

No bando emitido pola alcaldía pódense consultar as condicións completas.

Bando Fogueiras de San Xoán 2026

Modelo Solicitude Fogueiras de San Xoán 2026