O público familiar poderá gozar de música, maxia e animación nas Festas de San Telmo
Serán Uxía Lambona e a Banda Molona, Henriko, Samuel Moreno, Barafunda e Mimo Circus Party
O público familiar será protagonista nas Festas de San Telmo 2026 con cinco propostas diferentes, divertidas e máxicas.
O Teatro Municipal de Tui acollerá o concerto “Eih!! Carballeira” de Uxía Lambona e a Banda Molona o luns 6 de abril ás 18 h. Unha proposta musical con oito temas para cantar, bailar e alegrar o corazón. Esta vez, con historias de cómic.
Pola súa banda, o venres 10 ás 18 h actuará Henriko no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela. Será co espectáculo “Todotrucazos”, que conta a historia dun artista de circo que, tras cumprir 40 anos, decide volver aos escenarios. Unha autobiografía con moito humor, malabares e ritmo.
A maxia estará tamén presente co mago tomiñés Samuel Moreno, que porá en escena o seu espectáculo “Etéreo” o sábado 11 ás 18 no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela. Unha proposta interactiva cunha fusión de ilusionismo, música, tecnoloxía e humor. Tamén o sábado 11 ás 19 h haberá un pasarrúas na Corredoira de Pulpiño Viascón con A Trikimachín.
O Paseo da Corredoira servirá de escenario para dous pasarrúas. O primeiro o domingo 5 a partir das 19 h con Verme Lambón, de Barafunda. Un corido verme xigante que estará en Tui producindo gargalladas e diversión.
O segundo percorrerá as rúas de Tui o domingo 12 ás 19 h. Será PistaCatro, con Mimo Circus Party e o seu espectáculo de malabarismo, acrobacias, e moito humor.





