A vellez e a vida compartida en escena este venres en Tui con As gardiás
Teatro de Ningures presenta este espectáculo ás 21 h no Teatro Municipal
Teatro de Ningures regresa este venres ao Teatro Municipal de Tui para levar a escena “As gardiás”, Premio da Crítica de Galicia 2025. Na obra reflexiona sobre os coidados á vellez, contrastando o mundo das residencias co calor humano da familia e a comunidade. A cita, que pecha a programación do mes de febreiro neste espazo escénico, será este venres 27 ás 21 h.
O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular dunha vila obreira, é o refuxio dunha tribo de catro mulleres maiores: Rosa, Ana, Marga e Susana. Todas son operarias xubiladas da industria téxtil, e están decididas a preservar a súa independencia.
Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. As mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade, e artellan unha serie de estratexias para convencer a Vitoria de que a súa é a postura mellor.
Dirixida por Cristina Domínguez e escrita por Nasser Djemaï, esta montaxe conta coa interpretación de Casilda Alfaro, Melania Cruz, Pepa Barreiro, Rebeca Montero e Sonia Rúa.
Teatro de Ningures é unha compañía implicada co seu territorio, a través dun teatro de actualidade, ambicioso e comprometido coa realidade e a comunidade. Dende 1986 leva creado, producido e distribuído máis de 30 espectáculos por toda Galicia e España.
As entradas están á venda até 10 minutos antes do inicio da obra en tui.gal, aos prezos de 10€ e 7,5€.





