Tui despide o ano con deporte, festa, e solidariedade
A IV San Silvestre reunirá a 2000 persoas. O Mercado de Nadal abrirá en horario matinal e a unha da madrugada actuará o grupo Los Lunes al Sol
Tui despedirá mañá o ano coa celebración da IV San Silvestre Tudense, unha proba deportiva, festiva e solidaria, que reunirá a dúas mil persoas nun percorrido urbano que realizarán correndo, andando ou practicando marcha nórdica. Dende ás 9 h e até ás 10.20 h as persoas inscritas poderán recoller o seu dorsal no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela. A proba ten carácter solidario coa Asociación Española contra o Cancro polo que aquelas persoas que desexen realizar de forma voluntaria unha doazón poderán facelo nos petos dispoñibles na recollida de dorsais.
Ás 10.30 h no Paseo da Corredoira darase a saída festiva a un evento que en so catro edicións se ten consolidado e que bate récord de participación cada ano. Nesta ocasión a inscrición pechouse hai cinco días ao acadarse as 2 mil persoas inscritas, máximo establecido pola organización formada polo Concello de Tui e o Club Atletismo Tui. Serán catro quilómetros dun percorrido que reunirá a familias enteiras, grupos de amigos, deportistas… Ao regreso á Corredoira, tras pasar por lugares coma o novo tramo da rúa Ourense, o conxunto histórico, ou o Paseo Fluvial, contarán con avituallamento e chocolate quente para recuperar folgos, porque a festa continuará a partir das 12 h. Ao son do reloxo da praza da Inmaculada tomaranse as doce uvas de xeito anticipando celebrando así a chegada de 2026. Dj Donper será o encargado de amenizar a festa nesta derradeira xornada do ano.
Na mesma praza da Inmaculada e no Paseo da Corredoira abrirán mañá de 12 a 14 h os vinte postos do Mercado de Nadal. Nesta terceira e derradeira quenda participan até o próximo luns 5 de xaneiro Quiñons Da Insua, As Cestas do Tejido, Patudos Peludos, Moucho Arte, Mar Jewelrin, Zalexa, Xabón Eiras, Herbas Miudas, Artesanía Lili's, Icy Dolche, Bo Camiño, Uxia Castro, Interior(mente), Indiartaborigen, Pipa Pirita, Meigas do Arte, Recanto das Laranjeiras, Amigos da Festa Rebordans, Abella Leda, Brutus no Lima, Asociación Callejeiriños Tudenses, CRA Mestra Clara Torres, Tapería La de Manu e Churrería Patri. Os postos permanecerán pechados o xoves 1 de xaneiro, e volverán abrir o venres 2 de xaneiro.
A festa continuará a partir da 1 da madrugada no Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, con música en directo da man do grupo Los Lunes al Sol para despedir o ano 2025 e darlle á benvida a 2026. A entrada será libre até completar o aforo.





