Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui continúa o seu Camiño de Nadal repleto de luces, maxia, ilusión e música

5/12/2025
Mercado, un carrusel infantil, a casa da Fada do Aloia, o Belén de Mingos, a árbore dos desexos e a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro 

Tui continúa nesta ponte festiva a percorrer o seu Camiño do Nadal repleto de luces, maxia, ilusión e música.

O Paseo da Corredoira e a Praza da Inmaculada conforman o punto central deste camiño xa que aquí se celebra o Mercado de Nadal, está situado o carrusel infantil, a casa máxica da Fada do Aloia, e se pode visitar o Belén de Mingos na Oficina de Turismo.  Este percorrido polo Nadal lévanos tamén até outros puntos da cidade coma a praza de San Fernando, e as distintas rúas e prazas iluminadas especialmente para estas datas.

Produtos artesanais en decoración, agasallos, gastronomía... son os que ofertan os máis de vinte postos do Mercado de Nadal que abren hoxe venres de 17 a 22 h, e tanto mañá sábado, coma o domingo e o luns de 12 a 14 h e de 17 a 22 h na praza da Inmaculada e no Paseo da Corredoira.

Viaxes máxicas son as que se poden disfrutar dende esta tarde no carrusel infantil na praza da Inmaculada, dentro campaña promovida polo Concello de Tui en apoio ao comercio local, xa que os tíckets de compra no pequeno comercio poden canxearse por unha viaxe no carrusel. 

No Paseo da Corredoira está situada a casa máxica da Fada do Aloia que levará a cabo actividades de contacontos de educación ambiental, saudará aos cativos e cativas e leva a cabo a iniciativa solidaria “Cadea de corazóns”. Hoxe venres estará aberta de 18 h a 20 h, e mañá sábado, o domingo e o luns de 12 h a 14 h e de 18 h a 20 h. 

Na praza da Inmaculada está situada a Árbore dos Desexos onde se poden recoller as tarxetas cos desexos dun neno ou nenas das familias ás que axudas SOS Tomiño-Baixo Miño. As persoas que desexen colaborar deben elixir unha tarxeta, mercar o regalo e entregalo antes do próximo día 20 na Biblioteca Municipal. 

Na Oficina Municipal de Turismo pode visitarse o Belén de Mingos de martes a domingo de 10.30 h a 13.30 h e de 16 h a 19 h.

A música estará tamén presente neste Camiño de Nadal. O luns 8 ás 18 h na Corredoira actuará a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.