A Eurocidade Tui-Valença recibe máis de medio millón de euros de fondos europeos para actividades culturais e deportivas
A Eurocidade Tui-Valença recibirá máis de medio millón de euros de fondos europeos para continuar a desenvolver un programa conxunto de actividades culturais e deportivas. O Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença veñen de recibir a confirmación da concesión de 521.517,71€ para o proxecto Unicidade 2030 a través do Programa de Cooperación Interreg VI-A España Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A Eurocidade Tui-Valença conta cun programa de actividades culturais e deportivas único en Europa, que cada ano tece novas pontes entre os municipios de Tui e de Valença consolidando o traballo conxunto que realizan.
Este programa afiánzase cada ano con novas propostas e o incremento notable na participación rexistrada. A Eurocidade Tui-Valença traballa xa nunha nova oferta de actividades neste Unicidade 2030 nas que vai investir 695.356,95 € dos que o 75% serán financiados con estes fondos europeos. Deste total de financiamento concedido 268.500€ corresponderán a Tui e 253.517,71€ a Valença.
Precisamente o pasado venres a Eurocidade Tui-Valença era recoñecida coa Mención Especial Outras Entidades polo seu calendario deportivo que une disciplinas, promove a saúde, dinamiza o territorio e impulsa as relacións entre as poboacións ás beiras do Miño. O recoñecemento era recollido polo presidente da Cámara de Valença, José Carpinteira, e polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.





