“O noso corpo, campo de batalla” lema do concello de Tui na loita pola igualdade no 25N
O 25 de novembro haberá un acto central coa comunidade escolar e outro coa cidadanía
Co rotundo lema “O noso corpo, campo de batalla” o Concello de Tui alza a voz contra as violencias machistas e reivindica os dereitos da mulleres. Vaino facer cun amplo programa de actividade que abranguerá diversos ámbitos dende a educación, a cultura, o deporte, a formación, o pensamento, a comunicación, e a acción social e política. O lema escollido, “O noso corpo, campo de batalla”, inspírase na obra de Barbara Kruger Your Body Is a Battleground, símbolo da loita polos dereitos das mulleres. O cartel deste 2025 é obra de Paula Mayor, Ilustradora, deseñadora gráfica, maquetadora, infógrafa, deseñadora textil e editorial.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explica que baixo o lema deste ano, “O noso corpo, campo de batalla”, queremos “reflexionar sobre como os corpos das mulleres seguen sendo obxecto de control, violencia e desigualdade, e ao mesmo tempo, símbolo de resistencia, dignidade e liberdade”. Engade Ana Núñez que “no momento que vivimos de forte incerteza marcado pola desinformación, a polarización e o avance das violencias machistas” , neste 25N ocupamos o espazo público, reivindicando os nosos dereitos e clamando contra a desigualdade e a barbarie que segue a someter á metade do mundo”. Este ano, ademais, sinala Ana Núñez incorporamos “a denuncia da masacre en Gaza, onde as mulleres e nenas sofren con especial crudeza as consecuencias dun conflito marcado pola lóxica patriarcal e polo uso dos seus corpos como campo de Batalla”.
O programa previsto abrirase o próximo mércores, 19 de novembro, coa presentación do libro “As trampas da pornografía” por parte das súas autoras Chis Oliveira, Priscila Retamozo e Amada Traba.
O venres 21 celebrarase o acto “Tui coas mulleres de Gaza” coa actuación da cantante galego-palestina Najla Shami e coa lectura colectiva de textos poéticos, literarios, xornalísticos, políticos nas voces de diferentes persoas comprometidas ante o xenocidio de Gaza.
O sábado 22 A Panadaría representarán o Teatro Municipal “As que limpan”.
O martes 25, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, haberá un acto central ás 12 h coa comunidade escolar no que Mery Pais presentará a acción performativa colaborativa “Voces pola Igualdade” e Silvia Penas a acción escénica “Cortar, refogar, afogar”. O alumnado dos centros educativos dará lectura aos manifestos que elaboraron polo 25N. Xa pola tarde, ás 18.30 h, desenvolverase o acto central coa cidadanía no que se contará coa lectura do manifesto, a acción performativa “Miña Pequena” de Constance Hurlé e a actuación de cantautora Sofía Espiñeira.
Por outra parte, en colaboración co Cineclub Tui, o xoves 27 proxectarase o documental “El techo Amarillo” de Isabel Coixet.
Ao longo das próximas semanas, nos centros de ensino secundario desenvolveranse varios obradoiros a cargo de Pepe Cabido e Chis Oliveira, dirixidos a fomentar a reflexión crítica da mocidade sobre a igualdade e a prevención das violencias machistas.
Programación
- Mércores, 19 de novembro, ás 19.00 h no Espazo Sociocultural, r/ Camilo José Cela
- Presentación do libro “As trampas da pornografía” coas autoras Chis Oliveira, Priscila Retamozo e Amada Traba.
- Venres, 21 de novembro, ás 19.00 h no Espazo Sociocultural, r/ Camilo José Cela
- Acto “Tui coas Mulleres de Gaza”, coa actuación da cantante galego-palestina Najla Shami e unha lectura colectiva.
- Sábado, 22 de novembro, ás 20.00h no Teatro Municipal
- Obra de teatro “As que limpan”, de A Panadaría. Entradas en tui.gal
- Martes, 25 de novembro
- Ás 12.00h no Teatro Municipal
- Acto central 25N coa comunidade escolar.
- Acción performativa colaborativa “Voces pola igualdade” de Mery Pais
- Acción escénica “Cortar, refogar, afogar” de Silvia Penas.
- Lectura dos manifestos elaborados polos centros educativos.
- Acto central 25N coa comunidade escolar.
- Ás 18.30h na Praza do Concello
- Acto central 25N coa cidadanía.
- Lectura do Manifesto
- Acción performativa “Miña Pequena” de Constance Hurlé
- Actuación da cantautora Sofía Espiñeira
- Ás 12.00h no Teatro Municipal
- Xoves, 27 de novembro, ás 19.00h no Espazo Sociocultural, r/ Camilo José Cela
- Proxección do documental “El techo amarillo” (2022) de Isabel Coixet. En colaboración co CineClub de Tui.
- Obradoiros de Pepe Cabido e Chis Oliveira nos centros de ensino secundario.





