Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui gozou dunha nova fin de semana de verán con humor e cine

14/07/2025

O humorista Pepo Suevos encheu o espazo da rúa Camilo José Cela o venres e a praza do Pracer converteuse nunha sala de cine ao aire libre o sábado

O público respaldou a segunda fin de semana da programación de verán en Tui protagonizada polo humor e o cine na rúa.

O actor e humorista Pepo Suevos trouxo o humor a Tui o venres coa súa “Xira do cuarto de século” nun ateigado Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.

Con retranca e moita imaxinación, o humorista fixo un repaso polo ano 2007, non só da súa vida, senón tamén convidando ao público a participar no espectáculo. Tui foi así unha das 25 cidades onde fai parada Pepo Suevos con esta xira.

Mentres o sábado a praza do Pracer converteuse nunha sala de cine ao aire libre. O público familiar gozou coa proxección de “Gardiana de dragóns”.  Máis de 150 persoas, maiores e pequenos, encheron a praza nunha noite de verán que convidou a desfrutar dunha historia de maxia na China Imperial.

A programación de verán do Concello de Tui continúa esta semana, a partir do mércores, coa celebración do IKFEM Festival Tui-Valença.