Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha conferencia de Marta Cendón pecha o ciclo sobre o centenario de Manuel Lago González

14/03/2025

Será o próximo martes, ás 19 h, no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela
 

O próximo martes, martes 18 de marzo, cúmprese o centenario do falecemento do arcebispo e poeta Manuel Lago González. Nesa data pecharase o ciclo de actividades que arredor da figura deste egrexio tudense o Concello de Tui ven organizando ao longo deste mes de marzo. Será cunha conferencia titulada Don Manuel Lago González, tudense, arzobispo y poeta e que estará cargo da profesora da Universidade de Santiago e presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón Fernández. Este acto terá lugar no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela a partir das 19 h.

Marta Cendón é unha investigadora tudense licenciouse en 1989 coa especialidade de Arte Antiga e Medieval; é doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese sobre  “Iconografía funeraria del obispo en la Castilla de los Trastámara” (1995) dirixida por Dr. Manuel Núñez Rodríguez. Ademais, realizou estudos en Estrasburgo, Madrid, París e Perugia. Ten realizados numerosos traballos de investigación recollidos en diversos libros e múltiples artigos. Entre os seus libros destaca "La catedral de Tui en época medieval", un templo ao que ten dedicado unha especial atención en numerosos traballos e proxectos de investigación. Marta Cendón é unha das maiores especialistas na arte de época medieval en Galicia pero ultimamente ten dedicado especial atención á sobranceira figura de Manuel Lago sobre quen disertou en diversos foros, como foi o caso recentemente na Real Sociedad Real Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, a presenza de Marta Cendón é un excelente broche para pechar o ciclo de actividades quen ten organizado o Concello tudense para revitalizar a memoria de Lago González como unha traxectoria referencial de traballo continuado a prol da cultura e a lingua de Galicia, que desenvolveu o bispo e poeta tudense ao longo da súa vida.