Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Asinado o convenio para humanizar as rúas Coengo Valiño e Antero Rubín ao abeiro do Plan ReacPon da Deputación

8/02/2022

Esta actuación suporá un investimento de case 900 mil euros

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asinou esta mañá coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, o convenio do plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) para a humanización das rúas Antero Rubín e Coengo Valiño. O orzamento total alcanza os 897.252 euros, dos que a Deputación achega de xeito directo 717.802 euros e os 179.450 euros restantes a través do Plan Concellos 2022.

Tras a sinatura o alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou que o de hoxe é “un día importante para Tui” e recalcou que a humanización deste treito do Camiño de Santiago era unha das prioridades coas que viña traballando dende o comezo do actual mandato municipal.

Na súa intervención lembrou que as rúas Antero Rubín e Coengo Valiño, a pesar de ser a porta de entrada do Camiño de Santiago estaban en estado de abandono e gran deterioro urbanístico, produto da falta de sensibilidade e a deficiente planificación”. Era necesario, continuou, darlles “unha nova imaxe”. “As cidades non nos pertencen ás persoas que vivimos nelas; o patrimonio é de todos/as”, destacou.

O alcalde agradeceu o “dobre apoio” da Deputación achegando unha subvención do ReacPon e permitindo que a achega municipal se financie co Plan Concellos. “Sen a Deputación sería imposible levar a cabo esta obra”. Ademais quixo agradecer á presidenta provincial “a súa sensibilidade para transformar os espazos urbanos”. 

Pola súa parte a presidenta provincial, Carmela Silva, destacou a capacidade de Tui para presentar un proxecto cun valor moi singular, “no centro neurálxico do Camiño Portugués, e moi próximo a lugares de interese patrimonial como o convento de San Domingos”. A presidenta puxo especialmente en valor que tras estas obras, que comezarán moi en breve ao estar o expediente moi avanzado por parte do Concello, crearán “espazos amables para as persoas”. De feito destacou que o espazo peonil incrementarase máis dun 85%, “o que dá unha idea da transformación que pretende facer Tui”. A presidenta subliñou a vocación integral dun proxecto “que continúa a transformación que o alcalde lidera dende que tomou posesión”. Recalcou que Tui é unha cidade especialmente fermosa, con historia e potencial para ofrecer calidade de vida e atraer visitantes. Celebrou ademais que este “concello emblemático” celebre deste xeito o décimo aniversario do nacemento da eurocidade Tui-Valença do Miño, “un tránsito que está apegado aos sentimentos de tódalas persoas de Galicia e da provincia de Pontevedra”.

O proxecto de humanización das rúas Antero Rubín e Coengo Valiño abrangue unha lonxitude total de 301 metros e unha superficie de  case 2.500 metros cadrados. A obra divídese en dous tramos. No primeiro (entre os cruzamentos con Bispo Lago e travesía de Santo Domingo) restrinxirase o tráfico rodado permitindo só os vehículos dos residentes, autorizados ou de emerxencias, e crearase plataforma continua de preferencia peonil. No segundo tramo (encontro de Coengo Valiño coa súa travesía) haberá unha plataforma mixta, onde os diferentes pavimentos e a incorporación de elementos vexetais garantirán a seguridade peonil. As beirarrúas serán ampliadas, retiraranse as barreiras da accesibilidade e introduciranse medidas de “calmado” de  tráfico. Toda a zona pasará a contar con áreas de esparexemento, zonas verdes, elementos de auga e zonas de sombra, así como mobiliario urbano con bancos, fontes, papeleiras e elementos para poñer en valor os bens históricos como puntos informativos ou “puntos selfie”. As canalizacións de saneamento e abastecemento serán renovadas e soterraranse as instalacións aéreas de electricidade, telecomunicacións e iluminación pública.