Renovados os biosaudables no parque do Penedo e instalados novos elementos no Montiño
Investíronse máis de 11 mil euros dunha baixa do plan Concellos 2022
O Concello de Tui continúa apostando por mellorar os espazos públicos e promover hábitos de vida saudables entre a poboación. Nesta liña vén de renovar os elementos biosaudables do parques do Penedo, e de instalar novos elementos no do Montiño cun investimento de 11.316,15 € procedentes do reinvestimento dunha baixa do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.
Así no parque do Penedo foron renovados os oito elementos de biosaludables, instalándose temón, volante, estiramento de pernas, esquí de fondo, patinetes, abalo, bicicleta e remo. Neste punto tamén foron instalados dous elementos adaptados a cadeira de rodas, un con volante e rodas xiratorias e outro de disco e pedal de brazo.
Mentres no parque do Montiño, en Rebordáns, instaláronse tres novos elementos. Trátase dun temón, un volante e un abalo.
Estes elementos biosaudables están instalados en zonas verdes nas que se combina o deporte e a diversión ao aire libre. A principal función dos mesmos é promover a actividade física ao aire libre, ofrecendo exercicios que axudan a mellorar a saúde e o benestar, especialmente para persoas maiores ou en proceso de rehabilitación. Así moitos destes aparellos están deseñados para fortalecer músculos e articulacións e axudar a recuperar a mobilidade. Por outra parte o uso regular destes elementos contribúe a previr problemas cardiovasculares, mellorar a circulación sanguínea e reducir o risco de enfermidades como a osteoporose. A práctica deportiva nos mesmo axuda a flexibilidade, a forza muscular e a coordinación, aspectos clave para un envellecemento saudable. Ofrecen amais a posibilidade de realizar actividade física suave e accesible para todas as idades, especialmente para persoas maiores ou con mobilidade reducida. Precisamente algúns destes aparellos están adaptados para persoas en cadeira de rodas, o que facilita a participación de todos. Contribúen tamén ao benestar emocional xa que permiten as persoas usuarias socializar ao aire libre.