Arquivo Municipal
Enderezo: Casa do Concello. Praza do Concello 1
Teléfono 986 60 36 25 ext.52
Correo: arquivo@tui.gal
O Arquivo Municipal está situado no semisoto da casa do concello con acceso dende as oficinas da ala esquerda. Conta con salas de depósito e de investigadores destinada a acoller as persoas que desexan consultar os seus fondos documentais.
O Arquivo Municipal recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.147 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por 35.169 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.
Dende o 1 de outubro de 2012 no Arquivo Municipal atópase tamén a documentación histórica do Concello de Tui depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns.