Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A maxistrada Paz Filgueira dará mañá lectura ao manifesto do 8M en Tui

5/03/2026

 Será ás 19 h no Teatro Municipal de Tui no acto central do Día Internacional da Muller

A maxistrada Paz Filgueira será mañá venres a encargada de dar lectura ao manifesto do 8M en Tui. Será no acto central que se celebrará dende ás 19 h no Teatro Municipal. Paz Filgueira na actualidade é maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela con competencia en violencia sobre a muller. É especialista en violencia de xénero no ámbito penal e laboral por acreditación do Consello Xeral do poder Xudicial, forma parte da asociación de Xuízas e Xuíces para a Democracia, na que durante tres anos coordinou a Comisión de Violencia de Xénero.

O acto, que será presentado por Paula Cabaleiro, comezará coa acción escénica “4.0”, da actriz, trapecista e bailarina Sue Moreno, un espectáculo que mestura técnicas aéreas de circo, teatro físico e música. A peza presenta, con humor e sensibilidade, a historia dunha muller que trata de conciliar traballo, vida persoal e maternidade, ofrecendo unha mirada divertida e ao tempo crítica sobre os retos da vida cotiá.

O programa incluirá tamén a actuación de varias agrupacións do Conservatorio Profesional e Elemental de Música de Tui que interpretaran diversas obras compostas por mulleres. Amais realizarase un recoñecemento á Asociación de Amas de Casa de Tui pola súa traxectoria de máis de tres décadas.

O acto concluirá coa intervención institucional do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. 

Este acto central da programación do 8M co lema “Dereitos. Acción. Xustiza. Por e para todas1” comezará ás 19 h no Teatro Municipal, con entrada libre até completar o aforo