Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 11.500 peregrinos percorreron o Camiño Portugués en outubro, un 17% máis que en 2024

7/11/2025
 O 33% destas persoas saíron de Tui camiño de Compostela. O 77% do total son estranxeiros

O número de persoas que en outubro percorreron o Camiño Portugués de Santiago creceu nun 17% con respecto ao mesmo mes de 2024 até os 11.556 peregrinos. Así se reflicte nos datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago de Compostela  recollidos en base ás “Compostelas” entregadas. Esta ruta xacobea consolídase como a segunda elixida polos peregrinos neste mes de outubro para realizar a peregrinación á catedral de Santiago de Compostela. Un incremento superior ao do Camiño de Santiago en xeral que neste pasado meu medrou tres puntos menos, un 14%.

Un 23% destes peregrinos foi de procedencia española cun total de 2.697 persoas, mentres que 8.179 foron estranxeiros representando un 77%.

Deste total de peregrinos de outubro o 33 %, en concreto 3.831 persoas, escolleron a cidade de Tui para iniciar o seu Camiño de Santiago. Neste mes Tui foi o terceiro lugar escollido para iniciar a peregrinación logo de Sarria e Saint Jean Pied de Port. En consecuencia, Tui como elemento central do Camiño Portugués segue consolidando o seu protagonismo nas rutas xacobeas portuguesas.

No desglose deste datos de afluencia podemos comprobar que dos 2.694 peregrinos españois que realizan neste mes o Camiño Portugués un 28,24% proceden de Andalucía, de Madrid o 13,58%, da Comunidade Valenciana o 12,72 e de Cataluña un 8,78%.  No caso dos peregrinos estranxeiros, o 12,56% procede de Portugal, o 10,76% de Estados Unidos, o 5,91% de Alemaña, o 4,91% de Brasil, o 3,80% de Italia ou o 3,25% de Canadá.

A concelleira de Turismo e Patrimonio do concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, destaca a potencia do Camiño Portugués que continua mantendo un incremento sostido nos últimos anos e salienta o liderado de Tui como auténtica “capital” do Camiño Portugués pois a nosa cidade é a primeira escollida polos peregrinos para iniciar este Camiño, se dúbida que polos seus valores patrimoniais e turísticos así como pola hospitalidade que caracteriza ás xentes de Tui.

A concelleira de Turismo e Patrimonio, lembra que dos peregrinos computados no Camiño Portugués da Costa un número relevante o realiza a través de Tui polo trazado oficial en Portugal do Camiño Portugués da Costa e estes peregrinos non figuran nas estatísticas do Camiño Portugués senón no da Costa a pesar de que este peregrinos dende Caminha continúan por Vilanova de Cerveira, Valença e Tui, como porta de entrada en Galicia. O estudo realizado por Alfonso Ferreira o pasado ano e editado por este Concello de Tui mostra con datos estatísticos recollidos a pé da ruta xacobea esta problemática. Por tanto, o número de peregrinos que realizan o Camiño Portugués por Tui é maior que o subministrado polas estatísticas da Oficina do Peregrino da catedral de Santiago.